Miguel Ángel Pérez aplaude o compromiso de Educación cos colexios Rosalía de Castro e As Bizocas
Fecha: 2012-04-13
-
O alcalde e a concelleira Laura Besada reuníronse co xefe territorial de Educación, César Pérez
-
Esixiron unha solución para a xornada única no CEIP Conmeniño
O alcalde do Concello do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira delegada de Educación, Laura Besada, destacan o importante compromiso adquirido polo xefe territorial de Educación, César Pérez, cos colexios da localidade durante a reunión que mantiveron en Pontevedra esta semana. O obxectivo principal deste encontro foi preguntar sobre a segunda fase das obras de remodelación do CEIP Rosalía de Castro, e informarlle da urxencia de acometer obras no exterior das Bizocas para evitar desprendementos no edificio. Ademais, Miguel Ángel Pérez e Laura Besada esixiron unha solución no próximo curso para a demanda de xornada única no colexio Conmeniño.
Así, este verán retomaranse as obras no CEIP Rosalía de Castro. Tras a visita do equipo técnico da consellería e das reunións coa dirección do centro, establecéronse importantes cambios con respecto ao proxecto inicial, tendo en conta novas prioridades e necesidades detectadas no centro. Durante as vacacións de verán, a consellería de Educación reformará de xeito integral unha das alas do colexio. Cambiaranse de situación as aulas de infantil e a de informática. Para as primeiras crearanse aseos e armarios dentro das propias clases e entradas independentes a cada unha das aulas a través do parque. As obras tamén inclúen cambiar todo o chan, labores de fontanería, carpintería e pintado de aulas. As obras permitirán solucionar, ademais, os desniveis do chan, tanto no acceso ao centro como nas propias clases.
Tamén no colexio Rosalía de Castro, o Concello do Grove acaba de iniciar o proceso de desafectación das vivendas dos profesores que están libres. Deste xeito dáse resposta a unha solicitude da propia ANPA do colexio, para poder destinar estes espazos a novos usos en beneficio dos escolares. O primeiro paso que o concello deu neste sentido foi solicitar información á delegación territorial sobre cales son as vivendas que actualmente están libres e que non haxa novas adxudicacións. Unha vez coñecido este dato, será o Pleno do Grove quen solicite a desafectación de cada vivenda.
No que respecta ao CEIP As Bizocas, Miguel Ángel Pérez e Laura Besada informaron ao xefe territorial dos deterioracións nas cornixas de formigón do edificio, unha preocupación compartida e para a que se dará unha solución coa máxima urxencia. Esta actuación permitirá mellorar a seguridade no centro.
Outro dos puntos tratados na reunión foi a posibilidade de implantar a xornada única no colexio Conmeniño. O centro iniciou un novo proceso para acadar este horario para o próximo curso escolar, co apoio total do Concello do Grove. Alcalde e concelleira esixiron o máximo compromiso da delegación de Educación para que o alumnado de Conmeniño poida gozar desta xornada no vindeiro curso.