O 95,65% dos provedores do Concello do Grove manifestaron a súa aceptación de acollerse ao mecanismo de pagamento establecido polo Goberno
Fecha: 2012-04-24
O pasado 15 de marzo foi enviada ao Ministerio de Facenda a relación certificada coas obrigas do Concello pendentes de pagamento aos provedores que ascenden a un total de 812.259,93 € (excluídas as débedas coas entidades públicas).
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa que onte finalizou o prazo para que os provedores do Concello manifestasen a súa aceptación de acollerse ao mecanismo de pagamento establecido polo Goberno.
Consultada a web da AEAT esta mañá, a contía da débeda que se acolleu ao citado mecanismo de pagamento ascende a un importe de 777.000 euros, mentres que quedaron fóra 35.259,00 euros, do total de 812.259,93 € que se incluíron na relación enviada o 15 de marzo.
Pendente de valorar o Plan de Axuste
Igualmente infórmase de que o Ministerio de Facenda ten ata o 30 de abril de 2012 para valorar o Plan de Axuste aprobado polo Concello o pasado 29/03/2012, e no caso de que así sexa, durante a primeira quincena de maio o Pleno municipal deberá aprobar a formalización da citada operación de endebedamento para o pagamento aos provedores.
Segundo o calendario establecido polo Ministerio de Facenda, e unha vez que se realicen todas as tarefas de comprobación das obrigas reais de pagamento existentes, está previsto que se poidan aboar estas débedas a partir da segunda quincena do mes de maio de 2012.