Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Alumnado dos centros educativos participa nos I Torneos Interescolares organizados polo Concello do Grove

Fecha: 2012-04-26

O Concello do Grove, a través das concellerías de Deportes e de Educación, inaugura este sábado a primeira edición dos Torneos Interescolares. Durante os vindeiros catro sábados –sempre que as condicións climatolóxicas o permitan-, o alumnado de sexto curso dos colexios Rosalía de Castro, Conmeniño, Valle-Inclán e As Bizocas, disputarán a primeira edición do torneo nas modalidades de baloncesto, fútbol-sala, brilé e balonmán.

 

O obxectivo desta iniciativa é recuperar, coincidindo coa celebración das Olimpíadas, a competición escolar entre os diferentes centros do Grove, unha práctica habitual hai varios anos, pero que se foi perdendo co paso do tempo. Naquel momento, a rivalidade deportiva entre os colexios e os barrios era algo normal, e fomentaba a práctica de actividades físicas entre os nenos que non as facían habitualmente.

 

Nesta primeira edición dos torneos interescolares, para a que se conta coa colaboración das asociacións de nais e pais de alumnos, participan sete equipos na categoría masculina: tres de Valle-Inclán, dous de Rosalía de Castro, un das Bizocas e outro de Conmeniño; e catro equipos na categoría feminina, un por cada colexio. O primeiro torneo en disputarse será na modalidade de fútbol sala, este sábado día 28 no campo de fútbol de Terra de Porto, entre as 16.30 e as 20.00 horas. O 5 de maio a competición trasladarase ao pavillón municipal dos deportes, onde se xogarán os partidos de baloncesto. A competición volverá a Terra de Porto para as modalidades de balonmán -12 de maio- e brilé -19 de maio-. O último día da competición será a entrega dos premios entre os participantes.

 

Estes torneos interescolares organízanse co fin de que toda a comunidade educativa goce de catro xornadas de competicións deportivas, en convivencia con escolares do resto de centros do Grove. Por este motivo, anímase aos pais e ás nais e ao resto do alumnado a que acudan como público a estes campionatos e animen os seus equipos.