O Concello organiza un paseo xeolóxico pola Lanzada
Fecha: 2012-04-27
A Concellería de Medio e Cultura do Concello do Grove informa de que o domingo 6 de maio centos de persoas terán a oportunidade de gozar dun día de campo na Lanzada acompañadas por xeólogos especializados.
Esta excursión será paralela a unha por provincia a nivel de toda España. Serán totalmente gratuítas e abertas a todo tipo de público, sexa cal sexa o coñecemento de xeoloxía dos asistentes. A actividade consistirá nun percorrido xeolóxico pola praia da Lanzada, co obxecto de explicarlle ao público en xeral a historia e o contexto xeolóxico da praia, a súa formación e as súas especiais características, encadrando esta explicación dentro dun contexto xeral no que se explicará, dunha forma distendida e divulgativa, a importancia da Xeoloxía para comprender o noso ámbito próximo.
A actividade desenvolvésese en dúas partes: unha primeira a pé de praia, partindo desde o aparcadoiro da Ermida de Nosa Señora da Lanzada (Concello de Sanxenxo), na que, en catro puntos de observación diferentes, profesores e investigadores impartirán explicacións sobre diversos aspectos xeolóxicos da praia, as rías e os cambios do nivel do mar. E unha segunda parte que se desenvolve no Miradoiro da Siradella (Concello do Grove) cunha explicación que lles permitirá aos participantes contextualizar espacial e temporalmente todo o observado a pequena escala na primeira parte da visita.
Na organización local colaboran a Asociación de Oceanógrafos de Galicia e a Sociedade Mineralóxica Galega, ambos os dous grupos ligados tamén á Universidade de Vigo.
Para a visita deberá realizar unha inscrición previa entre os días 27 de abril e 3 de maio no teléfono 986 813 482. O horario para a inscrición será entre as 10:00 e as 14:00 horas.
O punto de encontro será no aparcadoiro de Nosa Señora da Lanzada en quendas de 40 alumnos.
A actividade está organizada polo grupo Geolodía 12 Pontevedra, que realiza por segundo ano consecutivo polos grupos XM-1, XM-3 e AAE do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo - Campus do Mar.