O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas valora favorablemente o plan de axuste do Concello do Grove necesario para acollerse ao mecanismo de pagamento a provedores establecido polo Goberno
Fecha: 2012-05-03
O importe polo que se formalizaría a operación de préstamo a longo prazo ascendería a uns 777.000 € en función dos provedores que manifestaron a súa aceptación de acollerse a este mecanismo de pagamento.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa de que o pasado día 30/04/2012 se recibiu unha comunicación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ao respecto do informe favorable outorgado ao Plan de Axuste aprobado polo Pleno da corporación municipal o pasado día 29/03/2012, para os efectos de autorizar o Concello a formalizar a operación de préstamo a longo prazo necesaria para acollerse ao mecanismo de pagamento a provedores establecido polo Goberno.
O importe da contía da débeda que se afrontaría co citado mecanismo de pagamento ascende a un total de 777.000 euros, mentres que quedaron fóra 35.259,00 euros do total de 812.259,93 € que se incluíron na relación enviada o pasado 15 de marzo.
Valoración favorable do Plan de Axuste
A concertación da citada operación de préstamo a longo prazo deberá aprobala dentro dos quince primeiros días naturais do presente mes de maio de 2012 o Pleno da corporación.
As condicións financeiras da citada operación de endebedamento a longo prazo serán fixadas pola Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, aínda que se baralla un préstamo a 10 anos, con 2 de carencia e un tipo de xuro en torno ao 5%.
Segundo o calendario establecido polo Ministerio de Facenda, e logo de que se realicen todas as tarefas de comprobación das obrigas reais de pagamento existentes, está previsto que se poidan aboar estas débedas a partir da segunda quincena do mes de maio de 2012.