O Servizo de Prevención municipal organiza unha charla para nais e pais do alumnado da ESO
Fecha: 2012-05-04
O Servizo de Prevención do Concello do Grove, dependente da Concellería de Benestar Social e Sanidade, en colaboración cos departamentos de Orientación do IES As Bizocas e do IES Monte da Vila, convoca os pais e nais do alumnado da ESO a unha sesión formativa titulada “A Negociación”.
Na sesión vaise traballar cos pais e nais asistentes para aprender a resolver situacións conflitivas sen que ao final todo o mundo teña a sensación de perder.
Un conflito prodúcese cando persoas ou grupos perciben que as súas ideas, intereses ou necesidades son incompatibles. Cando falamos de pais/nais con fillos/as adolescentes non é infrecuente que unha mesma situación poida ser percibida de xeito distinto por ambas as partes, xerándose unha situación conflitiva na que as emocións e os sentimentos xogan un papel importante na súa resolución. Aínda que un conflito é parte natural da vida cotiá, é importante que a súa resolución se converta nunha oportunidade para a aprendizaxe de habilidades que permitan unha convivencia satisfactoria na unidade familiar.
Programa da charla:
- ¿ Que é un conflito?, ¿cando se produce? ¿É posible facer prevención de conflitos na unidade familiar ?
- ¿Que ten de positivo un conflito, se é que ten algo?
- ¿Como evitar confrontación innecesarias?
- Buscar alternativas. Descubrir beneficios mutuos
- Método: “Todos gañan = Negociación”
A cita será na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o vindeiro luns, 7 de maio, ás 18.30 horas.