O CEIP Conmeniño poderá ter xornada única o vindeiro curso
Fecha: 2012-05-09
Os pais deciden o martes a súa implantación
Tanto o alcalde como a concelleira de Educación aplauden esta noticia, que chega tras meses de xestións
O Colexio de Educación Infantil e Primaria Conmeniño poderá ter xornada única o próximo curso escolar. Así se informou desde a delegación territorial de Educación, que aproba o horario de 8.45 a 13.45 horas. Agora é a quenda dos pais e das nais do alumnado do centro, que deberán votar a favor ou en contra da xornada o vindeiro martes 15 de maio.
A votación da xornada única neste centro –é o único colexio de primaria do Grove no que está pendente de implantar este horario- chega tras anos de xestións por parte da directiva e da ANPA. A este obxectivo sumouse o Goberno do Grove, que desde xuño de 2011 participa de xeito comprometido con todas as iniciativas para esixir ante a delegación territorial de Educación a implantación do novo horario. De feito, esta demanda renovouse na última reunión mantida co delegado territorial hai menos dun mes en Pontevedra, na que tanto o alcalde, Miguel Ángel Pérez, como a concelleira de Educación, Laura Besada, recordaron a urxencia de darlle unha solución á xornada única no CEIP Conmeniño para o vindeiro curso escolar. Neste sentido, agradecen a colaboración e o compromiso do delegado territorial, César Pérez.
A votación chegará o próximo martes e deberán ser os pais quen decidan finalmente se aproban o novo horario. Cada familia terá un voto, e será preciso contar co si do 58% do censo para que a proposta saia adiante. De aí a importancia de que os pais se acheguen ata o centro para participar neste proceso. O colexio estará aberto durante todo o día.
A consecución da xornada única e a conexión do colexio á rede xeral de auga foron os dous obxectivos marcados pola Concellería de Educación para este curso no CEIP Conmeniño, obxectivos que a día de hoxe están cumpridos e que permiten comezar a pensar noutras medidas prioritarias para o vindeiro curso. Cabe recordar que esta obra se executou na primeira quincena de xaneiro e contou cun orzamento de 10 000 euros. Permitiu conectar o centro directamente coa rede municipal de augas, e evitar o uso do antigo depósito. Ademais de mellorar as condicións da auga cunha subministración mellor e de calidade, esta obra tamén permite un importante aforro enerxético, xa que se elimina o funcionamento dos dous motores que bombeaban a auga ata o devandito depósito.