Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán do Concello do Grove

Fecha: 2012-05-09

 

Este ano apóstase por combinar as actividades lúdicas e de ocio coa aprendizaxe do inglés

 

Permitirá conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos e nenas de 3 a 12 anos

 

O Concello do Grove abre mañá xoves, día 10 de maio, o prazo para inscribirse na Escola de Verán que organiza co obxectivo de garantir a conciliación familiar, laboral e persoal. Este programa municipal supón unha alternativa lúdica e de ocio, promovida e supervisada polo Concello do Grove, para gozar das vacacións, ao mesmo tempo que se ofrece unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias. Este ano, como novidade principal, apóstase por combinar as actividades de ocio e de tempo libre coa inmersión na lingua inglesa.

 

A Escola de Verán está destinada a nenos e nenas de 3 a 12 anos e desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nas instalacións do IES Monte da Vila. As actividades lúdicas e de ocio mesturaranse coa aprendizaxe do inglés. O obxectivo será fomentar o uso deste idioma desde as idades máis temperás e en igualdade de condicións, con actividades lúdicas, deportivas, obradoiros, xogos, cancións, bailes... Que o alumnado se introduza no inglés a través de xogos, cancións e actividades estimulantes para cada grupo de idade, conseguindo que volva cada día á súa casa coa sensación de que gozou de experiencias divertidas e diferentes, sen darse de conta de que o fai mentres aprende inglés. Deste xeito, a Escola de Verán convértese este ano no English Summer Fun, con actividades lúdicas, vivenciais e enriquecedoras, con saídas ao campo, á praia e outras máis por concretar, co inglés como lingua vehicular.

 

Os pais teñen dúas opcións de horario para elixir. O horario normal no que se desenvolve a actividade será de 9.00 a 14.00 horas, e horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Os prezos da actividade, que están subvencionados pola Concellería de Educación, mantéñense con respecto ao ano pasado. Así, para o horario reducido a cota é 66 euros ao mes, mentres que no horario ampliado é de 100 euros. Segundo explica a concelleira Laura Besada, “este ano sumamos un novo atractivo á Escola de Verán e apostamos por fomentar a aprendizaxe de inglés en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas do concello”. Neste sentido, cabe recordar que este tipo de campamentos en inglés adoitan ter un prezo moi superior ao que se ofrece a través do Concello do Grove, polo que non todos os nenos teñen as mesmas oportunidades de participar.

 

O prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de maio. As prazas cubriranse prioritariamente por persoas empadroadas no Concello do Grove, e por rigorosa orde de entrada, tendo preferencia os solicitantes de dous meses sobre aqueles que soliciten só un mes de actividade. As listas de nenos admitidos publicarase o 23 de maio, e entre os días 25 de maio e 1 de xuño será tempo para confirmar as prazas.

 

A documentación esixida é ficha de inscrición -que se repartirán en todos os centros educativos da localidade-, foto do neno, fotocopia dos DNI do seu pai/nai e do neno; fotocopia da tarxeta sanitaria; modelos de autorizacións cubertos e asinados; e, se padece algún problema de saúde, un informe médico do neno.

 

Pode descargar o tríptico informativo-ficha de inscrición aquí >