O Concello do Grove ve incrementado o importe final da súa débeda con provedores que teñen decididio acollerse ao mecanismo de pagamento establecido polo Goberno
Fecha: 2012-05-09
O importe final polo que se formalizará a operación de préstamo a longo prazo para financiar o citado mecanismo de pagamento ascende a 826.042,05 €
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa que onte foi remitido ao Instituto de Crédito Oficial a cantidade final pola que se vai formalizar a operación de endebedamento necesaria para financiar o mecanismo de pagamento aos provedores establecido polo Goberno.
O importe da contía da débeda manifestada polos provedores que se van acoller ao citado mecanismo de pagamento ascende a un total de 826.042,05 €, analizado do seguinte xeito:
- Importe enviado ao Ministerio de Facenda o pasado 15/03/2012: 812.259,93 € (relación inicial enviada)
- Importe aceptado por provedores incluído na relación inicial: 777.372,53 €
- Importe aceptado por provedores non incluído na relación inicial: 48.669,52 €
A aprobación da citada operación de endebedamento será debatida no Pleno que vai ter lugar o próximo día 14/05/2012.
Valoración favorable do Plan de Axuste
Así mesmo, infórmase de que o pasado día 30/04/2012 se recibiu unha comunicación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ao respecto do informe favorable outorgado ao Plan de Axuste aprobado o Pleno da corporación municipal o pasado día 29/03/2012.
As condicións financeiras da citada operación de endebedamento a longo prazo serán fixadas pola Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, aínda que se baralla un préstamo a 10 anos, con 2 de carencia e un tipo de xuro para o prestamista do equivalente ao custo de financiamento do Tesouro Público aos prazos sinalados máis unha marxe máxima de 115 puntos básicos á que se lle engadirá unha marxe de intermediación dun máximo de 30 puntos básicos.
Segundo o calendario establecido polo Ministerio de Facenda, e logo de que se realicen todas as tarefas de comprobación das obrigas reais de pagamento existentes, está previsto que se poidan aboar estas débedas a partir da segunda quincena do mes de maio de 2012.