O comportamento demográfico do concello do Grove móstrase por enriba da media de Galicia
Fecha: 2012-05-15
A taxa de fecundidade do Grove (número medio de fillos por muller) é de 1,20, superior á media de Galicia, que se sitúa actualmente en 1,08 e lonxe do 1,60 que é a media dos países da Unión Europea.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón, informa de que o comportamento demográfico do concello do Grove se corresponde co esquema de poboación típico dos países occidentais, cunha lixeira tendencia ao avellentamento e un reducido número de fillos por muller, pero con cifras máis positivas que as do seu ámbito máis próximo (maiores índices de infancia e xuventude e menor índice de envellecemento), tanto a nivel provincial como autonómico.
O 31 de decembro de 2011, o número de veciños ascendía a un total de 11.241, dos cales 5.532 eran homes e 5.709 eran mulleres, encontrándose o 67,26% da poboación na franxa de idade que vai dos 16 aos 64 anos. O 14,27% encóntrase comprendido na franxa dos 0 a 15 anos e o 18,45% restante na franxa de maiores de 65 anos.
A idade media da poboación sitúase nos 42,5 anos, con 41,2 anos para os homes e 43,8 anos para as mulleres.
Polo que respecta ao movemento demográfico, hai que sinalar que nos últimos 4 anos a poboación se viu reducida nun total de 23 persoas, pero no ano 2010 o saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) bota un saldo positivo de 11 persoas. Así mesmo, o saldo migratorio no citado período bota o seguinte balance: recibiuse un total de 799 inmigrantes respecto das 752 persoas que decidiron emigrar.