Conmeniño e Rosalía de Castro gañan o I Interescolar Concello do Grove
Fecha: 2012-05-15
Máis de cen rapaces de 6.º de primaria participaron no torneo
O obxectivo desta iniciativa é recuperar a competición escolar entre os diferentes centros do Grove
O I Torneo Interescolar Concello do Grove xa ten gañadores. O CEIP Conmeniño gañou o torneo en categoría masculina, con 18 puntos, mentres que as alumnas do Rosalía de Castro tamén o gañaron na categoría feminina, cun total de 20 puntos.
A primeira edición do Torneo Interescolar Concello do Grove, organizado a través das concellerías de Deportes e de Educación, desenvolveuse no último mes entre o pavillón municipal do Monte da Vila e o campo de fútbol de Terra de Porto. Participaron máis dun centenar de alumnos de sexto curso dos colexios Rosalía de Castro, Conmeniño, Valle-Inclán e As Bizocas, nas modalidades de baloncesto, fútbol sala, brilé e balonmán.
Os gañadores da modalidade de fútbol e de balonmán foron nos dous casos Conmeniño e Rosalía de Castro, nas categorías masculina e feminina, respectivamente. En baloncesto, Valle-Inclán A gañou na categoría masculina e Rosalía de Castro, na feminina, mentres que nos partidos de brilé o equipo B do colexio Valle-Inclán se impuxo na final masculina e Rosalía de Castro, na feminina. A todos os participantes se lles entregou unha medalla pola súa participación, mentres que aos equipos gañadores de cada categoría se lles fixo entrega dun trofeo. O premio especial foi para os colexios que reuniron máis puntos en todas as categorías e modalidades.
O obxectivo desta iniciativa é recuperar, coincidindo coa celebración das Olimpíadas, a competición escolar entre os diferentes centros do Grove, unha práctica habitual hai varios anos, pero que se foi perdendo co paso do tempo. Naquel momento, a rivalidade deportiva entre os colexios e os barrios era algo normal, e fomentaba a práctica de actividades físicas entre os nenos que non o facían habitualmente.
Estes torneos interescolares organízanse co fin de que toda a comunidade educativa goce de xornadas de competicións deportivas en convivencia con escolares do resto de centros do Grove. Neste sentido, desde o Concello do Grove agradece a colaboración das nais e dos pais do alumnado durante a celebración do torneo, xa que en moitos casos exerceron incluso de adestradores dos equipos.