A Concellería de Educación e as ANPA organizan o I Campus de Ximnasia Rítmica Concello do Grove
Fecha: 2012-05-18
Realizarase no mes de xullo no pavillón de Conmeniño.
As inscricións pódense facer ata o 8 de xuño na Casa Azul.
A Concellería de Educación e as asociacións de nais e pais da localidade poñen en marcha a primeira edición do Campus de Ximnasia Rítmica Concello do Grove, que se realizará en xullo no pavillón do colexio Conmeniño. O obxectivo é dar unha resposta lúdica e deportiva durante o verán ás preto de cincuenta alumnas que esta actividade ten durante o curso escolar, e que está organizada polas propias ANPA. Ao mesmo que esta actividade extraescolar, o campus estará impartido por adestradores e técnicos do Club Rítmica Xiada –que logrou cinco ouros no último Campionato Galego de Promoción-, e o obxectivo será iniciar e perfeccionar sobre os fundamentos técnicos da ximnasia rítmica e dos diferentes elementos que a compoñen.
O campus está dirixido para nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Non precisan coñecementos previos de ximnasia rítmica, xa que os grupos dividiranse segundo os coñecementos en iniciación, perfeccionamento ou avanzado. O prazo para inscribirse nesta primeira edición do campus remata o venres 8 de xuño. Xunto coa folla de inscrición, as persoas interesadas deberán presentar na Casa Azul –Edificio de usos múltiples- - unha foto do/a neno/a; fotocopia do DNI do/a solicitante (pai, nai, titor/a); fotocopia do DNI do neno/a ou da folla correspondente do libro de familia; fotocopia da tarxeta sanitaria ou seguro médico privado; e informe médico do/a neno/a, no caso de padecer algún problema de saúde.
Desenvolverase de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas. O prezo para nenos empadroados no Grove é de 60 euros e de 63 para non empadroados. Inclúe os seguros de responsabilidade civil obrigatoria e de accidentes. Entre algunhas das actividades que se inclúen na programación do campus, están o traballo coas habilidades motrices; actividades físicas artístico-expresivas; actividade física e saúde; xogos e deportes; e actividades complementarias como aeróbic, expresión musical, talleres de perruquería e maquillaxe, deseño de maias… Hai 75 prazas dispoñibles, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, tendo prioridade os nenos e nenas empadroadas no Concello do Grove.
Escola de Verán en Inglés
Por outra banda, este luns remata o prazo para inscribirse na Escola de Verán do Concello do Grove, que se organiza nos meses de xullo e de agosto co obxectivo de garantir a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Este ano, como principal novidade, apóstase por combinar a diversión dos nenos coa aprendizaxe do inglés. O obxectivo será fomentar o uso deste idioma desde as idades máis temperás e en igualdade de condicións, con actividades lúdicas, deportivas, obradoiros, xogos, cancións, bailes...
A Escola de Verán está destinada para nenos de 3 a 12 anos e desenvolverase nas instalacións do IES Monte da Vila. Os pais teñen dúas opcións de horario para elixir. O horario normal no que se desenvolve a actividade será de 9.00 a 14.00 horas, e horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Os prezos da actividade, que están subvencionados pola Concellería de Educación, mantéñense con respecto ao ano pasado. Así, para o horario reducido a cota é 66 euros ao mes, mentres que no horario ampliado é de 100 euros. Segundo explica a concelleira Laura Besada, “este ano sumamos un novo atractivo á Escola de Verán e apostamos por fomentar a aprendizaxe de inglés en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas do concello”. Neste sentido, cabe recordar que este tipo de campamentos en inglés soen ter un prezo moi superior ao que se ofrece a través do Concello do Grove.
As prazas cubriranse prioritariamente por persoas empadroadas no Concello do Grove, e por rigorosa orde de entrada, tendo preferencia os solicitantes de dous meses a quen solicite só un mes de actividade. As listas de nenos admitidos publicarase o 23 de maio, e entre os días 25 de maio e 1 de xuño será tempo para confirmar as prazas. A documentación esixida é ficha de inscrición -que se repartirán en todos os centros educativos da localidade-, foto do neno, fotocopia dos DNI do pai/nai e do neno; fotocopia da tarxeta sanitaria; modelos de autorizacións cubertos e asinados; e, de ser o caso, informe médico do neno cando padeza algún problema de saúde.