Rematan as melloras na fachada das Bizocas e comeza o acondicionamento do patio cuberto en Conmeniño
Fecha: 2012-05-21
Miguel Pérez e Laura Besada conseguiron o compromiso do xefe territorial durante a reunión mantida hai un mes en Pontevedra.
Dáse resposta a antigas demandas das asociacións de nais e pais dos centros.
Xa remataron as obras para arranxar a fachada do CEIP As Bizocas e solucionar así os desprendementos de recebo na parte superior do edificio que se produciron recentemente. Nese momento, o Concello do Grove actuou de forma urxente e contundente para limpar a cornixa do tellado e garantir a máxima seguridade do alumnado do centro, pero tanto o alcalde, Miguel Ángel Pérez, como a concelleira, Laura Besada, solicitáronlle ao delegado territorial, César Áres, a colaboración da consellería para asumir as obras e corrixir a situación.
As obras consistiron en chorrear con aceiro a cornixa do tellado, pintar para evitar que se oxide e cubrir a parte superior da fachada con formigón hidrófugo para que non penetre a humidade e a auga salgada e evitar así a súa deterioración.
Desde o goberno do Grove aplauden a rápida resposta do xefe territorial e o seu compromiso. O alcalde e a edil delegada de Educación trasladaron a urxencia desta actuación na reunión que mantiveron hai un mes en Pontevedra co xefe territorial, na que tamén se trataron outros temas prioritarios para os centros educativos do Grove, como as obras que este verán se van acometer no CEIP Rosalía de Castro ou a implantación da xornada única no CEIP Conmeniño.
Patio cuberto Conmeniño
Precisamente, neste último centro escolar xa comezaron as obras para acondicionar o patio cuberto. Aproveitando que estes días non había clase pola ponte das Letras Galegas, xa comezaron os traballos. Consisten en reformar a estrutura na parte superior para colocar os novos paneis, e pintar, limpar e reforzar o resto da estrutura.
Con estas dúas actuacións, nos colexios As Bizocas e Conmeniño, aténdense antigas demandas presentadas no Concello do Grove polas asociacións de nais e pais de ambos os dous centros escolares, que urxían a actuación sobre estas dúas cuestións. Desde o Concello de Grove recordan o alto compromiso que se está levando a cabo con todos os centros escolares durante este primeiro ano de goberno, solucionando demandas prioritarias que as ANPA dos diferentes colexios tiñan desde hai algúns anos.