Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os estudantes Santiago Soutullo Lois e Inés Torres Piñeiro, gañan o I Concurso de Fotografía Medioambiental Concello do Grove

Fecha: 2012-05-22

 

Presentáronse un total de 35 imaxes á primeira edición do concurso organizado pola Concellería de Educación.

Os premios entregaranse o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

 

Os estudantes Santiago Soutullo Lois, de 3.º da ESO do IES Monte da Vila, e Inés Torres Piñeiro, de 6.º do CEIP Conmeniño, son os gañadores da primeira edición do Concurso de Fotografía Medio Ambiental do Concello do Grove.

 

Santiago Soutullo Lois, gañador na categoría de 3.º e 4.º da ESO, presentou unha fotografía cun primeiro plano dun saltón, mentres que a alumna Inés Torres Piñeiro, vencedora na categoría de 5.º e 6.º de primaria, apostou por unha fotografía na que denuncia a contaminación a través dun vertido de teléfonos móbiles no monte. Ambos os dous estudantes recibirán cadanseu cheque-regalo por valor de 100 euros, para cambiar no comercio local. A entrega dos premios será o día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Todas as fotografías formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura do Grove no mes de xuño.

 

As súas fotografías foron as seleccionadas entre as 35 imaxes presentadas ao concurso, ao combinar unha técnica axeitada coa creatividade, orixinalidade, adecuación ao tema, a capacidade e claridade de transmitir a mensaxe e de sensibilización e concienciación ambiental.

 

Desde o Concello do Grove agradecen a colaboración da fotógrafa grovense Ana Gondar, do comercio Kónica, pola súa participación como membro do xurado.

 

O obxectivo que se persegue desde a Concellería de Educación coa convocatoria deste concurso é concienciar os rapaces sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, e a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do contorno. “A través dunha actividade divertida -a fotografía-, o alumnado pasará un momento divertido e entretido ao mesmo tempo que comprende e valora sobre a importancia de protexer a natureza e o noso contorno”, opina a concelleira Laura Besada.