Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Servizo de Prevención do Concello do Grove difunde unha campaña informativa para pais e nais sobre substancias

Fecha: 2012-05-23

 

A Concellería de Benestar Social e Sanidade do Concello do Grove está a promover unha campaña informativa sobre substancias dirixida aos pais e ás nais do alumnado de 2.º ciclo da ESO dos IES do Grove. Esta actividade, que comezará o vindeiro luns 28, forma parte da programación anual que o Servizo de Prevención dirixe aos pais e nais do municipio, pretendendo que se beneficien da campaña arredor de 180 familias con adolescentes de idades comprendidas entre os 14 e 17 anos aproximadamente.

 

En colaboración co IES As Bizocas e o IES Monte da Vila, o alumnado será o mediador para facer chegar ás súas familias o paquete que conterá catro guías sobre substancias especialmente editadas para estas: alcol; cannabis; cocaína; drogas de síntese; que irán acompañadas dunha carta explicativa da campaña asinada pola concelleira delegada de Benestar Social e Sanidade.

 

A prevención debe estar presente no proceso educativo dos fillos/as dende as idades máis temperás. No inicio da adolescencia, as drogas empezan a aparecer de xeito habitual nas súas conversas, é unha forma de amosar que son maiores e de deixar atrás a súa infancia, a pesar de que o consumo acostuma ser minoritario. Durante esta etapa, desenvolven unha gran capacidade para incorporar e elaborar información e incrementan de xeito importante o seu sentido crítico. É o momento ideal para falar de todos aqueles aspectos relacionados coas drogas. O contexto familiar é onde estes adquiren as normas, os valores e gran parte dos coñecementos que os van axudar a afrontar dun xeito eficaz o manexo da súa propia vida.

 

Que os pais e as nais dispoñan de información axeitada sobre as drogas en xeral, as características das substancias máis consumidas, os factores que aumentan ou reducen a probabilidade de que os e as adolescentes consuman drogas (factores de risco e protección) ou diferencien o uso do abuso é necesario para poder falar deste tema con fillos/as sen perder credibilidade e para que se convertan nun dos seus referentes informativos.

 

Esta campaña informativa ten como finalidade complementar ese conxunto de ferramentas (pautas de conduta, valores, coñecementos, habilidades) que os pais e nais empregan para axudar aos fillos e fillas a preparar da mellor maneira posible a “mochila” coa que transitar pola vida.