Un contacontos e a entrega dos premios do concurso de fotografía para conmemorar o Día do Medio Ambiente
Fecha: 2012-06-05
-
Hoxe, a partir das 17.45 horas, na Biblioteca Municipal do Grove
-
Santiago Soutullo e Inés Torres son os gañadores da primeira edición do concurso escolar de fotografía medioambiental
Co gallo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, hoxe 5 de xuño, a Rede de Bibliotecas do Grove organiza unha nova sesión de contacontos. Comezará ás 17.45 horas na casa da cultura do Grove. Tras a sesión, entregaranse os premios do I Concurso de Fotografía Medioambiental do Concello do Grove, no que participaron alumnos e alumnas da localidade e inaugurarase unha exposición con todos os traballos presentados.
A sesión de contacontos está destinada a nenos e nenas desde os 3 anos. A compañía Fantoches Baj, dirixida por Ignacio Vilariño, porá en escena Burromaquia, un espectáculo de narración oral no que encontramos unha selección de contos, fábulas, poemas e cancións na que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación, os rapaces e rapazas irán descubrindo a historia do burro da Tía Lola.
Ao remate do contacontos, ás 18.30 horas aproximadamente, entregaranse os premios do I Concurso de Fotografía Medio Ambiental do Concello do Grove. Santiago Soutullo Lois, gañador na categoría de 3.º e 4.º da ESO, presentou unha fotografía cun primeiro plano dun saltón, mentres que a alumna Inés Torres Piñeiro, vencedora na categoría de 5.º e 6.º de primaria, apostou por unha fotografía na que denuncia a contaminación a través dun vertido de teléfonos móbiles no monte. Ambos os dous estudantes recibirán cheques-regalo por valor de 100 euros, para cambiar no comercio local. Ademais, inaugurarase unha exposición con todas as fotografías que formaron parte do concurso.
O obxectivo que se persegue desde a Concellería de Educación coa convocatoria deste concurso é concienciar os rapaces e rapazas sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, e a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do contorno.