Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os maiores do Grove exercerán como actores e cantantes na Festa no Aire

Fecha: 2012-07-03

 

Este festival celebrarase os días 4 e 5 de xullo ás 20.00 horas na cafetería da Casa da Terceira Idade e nel actuarán uns trinta xubilados e pensionistas da vila.

En ambas xornadas, representaranse nove pezas teatrais de curta duración e celebrarase tamén un concurso de karaoke.

 

 

A Concellería de Cultura e Terceira Idade do Concello do Grove organiza, coa colaboración da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove (Asxupen), os días 4 e 5 de xullo, este festival no que os protagonistas son os propios maiores da vila, que exercen como actores en nove representación teatrais de curta duración e como cantantes no concurso de karaoke co que se clausurará o evento.

 

Rememorando as “festas no aire” que nos anos 40 e 50 se organizaban no Cine Besada e na que a propia veciñanza exercía como artistas e cantantes, a Concellería que dirixe Carlos Otero Padín decidiu organizar, coa colaboración da Asxupen, un evento que busca incentivar a participación dos maiores grovenses nas actividades culturais.

 

Nas últimas semanas un total de 28 xubilados e pensionistas grovenses estiveron ensaiando as nove escenas teatrais, escritas e dirixidas polo propio Otero e duns dez minutos de duración, que tanto o mércores 4 como o xoves 5 van representar no escenario que se instalará na cafetería da Casa da Terceira Idade, no Corgo.

 

Tras estas representacións na que se reproducen con carácter cómico diferentes situacións cotiás, esta ‘Festa no Aire’ completarase coa recreación dun “concurso de karaoke” no que cinco mulleres e catro homes amosarán os seus dotes vocais, interpretando eles unha versión de “Yo soy aquel” e elas do “Lalalá”. De avaliar a súa valía como cantantes encargarase un xurado ao máis puro estilo de concurso televisivo, no que varias das persoas que integran a directiva de Asxupen exercerán como xuíces, coa colaboración do público asistente, das diferentes actuacións co obxectivo de ditaminar que persoa será a merecedora do premio, tamén ficticio, co que se porá o peche a este concurso musical e a esta Festa no Aire.

 

Otero explicou que con esta iniciativa se busca incentivar a veciñanza de maior idade para que se manteña activa e expresar as súas inquedanzas e intereses participando en actividades como poden ser o teatro ou a música. “Trátase de iniciativas saudables para estas persoas, para as que non só é bo para a súa saúde manterse activo e exercitar a súa mente, senón tamén divertirse, que é ao fin e ao cabo o que se pretende con este festival”, apuntou o concelleiro.

 

O responsable de Cultura e Terceira Idade quixo tamén “animar a toda a veciñanza a asistir a un evento moi divertido”, que lles servirá a unhas persoas “para lembrar a súa mocidade” e aquelas “festas no aire” das que tomou a súa filosofía este evento, e a outras para “divertirse vendo actuar os seus veciños e familiares”.

 

Tras as dúas funcións desta semana, Otero agarda poder trasladar as pezas teatrais que se representarán nas dúas xornadas desta Festa no Aire ás casas de cultura Manuel Lueiro Rey e Ángel Vázquez Hereder proximamente.