Talleres de Técnicas de Estudo para preparar o inicio do curso
Fecha: 2012-07-04
A Concellería de Educación pon en marcha talleres de técnicas de estudo co obxectivo de preparar o alumnado para comezar con éxito o próximo curso escolar, así como para que preparen as probas de setembro correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2011/2012. Os talleres, que son gratuítos, están destinados ao alumnado de entre 12 e 16 anos e aos seus pais ou nais. As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir na Casa da Cultura do Grove.
Con este programa, desde a Concellería de Educación preténdese mellorar os hábitos de estudo e o rendemento académico dos estudantes, pero tamén implicar os pais e as nais. Así, mentres o alumnado recibe unha maior motivación cara ao estudo, mellorando o seu rendemento escolar e traballando aspectos de prevención ante o fracaso e o absentismo escolar, os pais e as nais coñecen cales son os hábitos e as técnicas que debe mellorar o alumo ou alumna na súa casa durante o tempo de estudo.
Cada grupo estará formado por catro alumnos e os seus proxenitores. Durante as sete sesións que conforman cada Taller de Técnicas de Estudo, traballaranse aspectos como a atención selectiva, a atención mantida, o autocontrol mediante autoinstrucións, a memoria, a neutralización de elementos distractores, a resolución de problemas nos exercicios e os bloqueos nos exames. Os talleres comezaranse a impartir despois de que se cree o primeiro grupo. As prazas son limitadas.
Esta iniciativa forma parte dun paquete de actuacións postas en marcha polo Concello do Grove para evitar o absentismo e o fracaso escolar e para promover o retorno educativo. Así, ademais dos Talleres de Técnicas de Estudo, a Concellería de Educación recorda que xa están aprobadas as bases polas que se rexen as axudas para a obtención do graduado en ESO das persoas maiores de 18 anos. O obxectivo é promover a Educación de Adultos a través de axudas para o estudo, que pretenden premiar o esforzo e incentivar a consecución do graduado en ESO. Ademais, este curso tamén se recuperarán os premios para os mellores expedientes académicos e xa traballan na posta en marcha dunha campaña de sensibilización con dous obxectivos: evitar o abandono escolar, xa que o importante é previr que a mocidade deixe os estudos; e fomentar o retorno educativo para aquelas persoas que queiran seguir formándose, informando de todos os recursos educativos existentes.