The beach centra as actividades da Escola de Verán do Concello do Grove durante esta semana
Fecha: 2012-07-10
A Escola de Verán en Inglés do Concello do Grove, posta en marcha pola Concellería de Educación, dedica as actividades desta semana á temática The beach. Os máis de 200 nenos e nenas que participan no campamento urbano aprenderán, sempre en inglés, a importancia de respectar o medio ambiente e os segredos que esconden as praias. As actividades comezaron onte luns cunha charla sobre a importancia de protexer o medio ambiente, continuarán ao longo da semana con saídas á praia e rematarán o venres cunha nova función na que os asistentes lles ensinarán aos seus pais, nais e avós o aprendido durante esta semana.
A primeira saída da semana na Escola de Verán foi á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Alí participaron a mañá de onte nunha charla medio ambiental sobre a importancia de coidar o noso contorno, as praias, o monte… Durante esta Fun Week os rapaces tamén cantarán, narrarán contos, realizarán manualidades, xogarán, farán un obradoiro de teatro e comprarán simbolicamente o almorzo no market. O mércores, se o tempo o permite, os grupos de maiores sairán á praia e os máis pequenos do grupo gozarán de xogos no parque infantil. A intención é que os nenos e nenas leven a cabo unha inmersión en inglés ao mesmo tempo que teñan oportunidades de utilizalo nun contexto.
Para rematar a semana temática abriránselles de novo as portas do campamento ás familias a partir das 13.00 horas, para que todos xuntos poidan gozar de todo o que os pequenos aprenderon. Os nenos interpretarán os bailes e as cancións en inglés, co decorado realizado durante os obradoiros de manualidades.
A Escola de Verán do Concello do Grove desenvólvese de luns a venres nas instalacións do IES Monte da Vila. Conta cun dobre obxectivo moi claro: garantir a conciliación dos horarios familiares e laborais, e que os alumnos volvan cada día a casa coa sensación de que viviron unhas experiencias divertidas e diferentes e sen darse de conta de que o fixeron mentres aprenden inglés. A Escola de Verán conta con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que son os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes.