Remata o acondicionamento do patio cubertlo en Conmeniño
Fecha: 2012-07-13
-Miguel Pérez e Laura Besada conseguiron o compromiso de Educación durante unha reunión mantida en Pontevedra
-Dáse resposta a antigas demandas das asociacións de nais e pais dos centros
O Concello do Grove informa de que xa remataron as obras de acondicionamento no patio cuberto do CEIP Conmeniño, executadas pola Consellería de Educación e que lles dan resposta a antigas demandas da asociacións de nais e pais e da directiva do centro. O alcalde, Miguel Pérez, e a concelleira de Educación, Laura Besada, conseguiron o compromiso da consellería durante a reunión mantida en Pontevedra hai uns meses co xefe territorial, César Pérez.
Os traballos consistiron en reformar a estrutura na parte superior para colocar paneis novos, e limpar, reforzar e pintar o resto da estrutura, co obxectivo de garantir maior seguridade e utilidade para o alumnado do centro, principalmente nos días de choiva durante o curso escolar.
Ademais da mellora do patio cuberto, este ano tamén atendeu outra antiga demanda deste centro, conectouse o colexio á rede xeral de augas. Cabe recordar que esta obra se executou na primeira quincena de xaneiro e que contou cun orzamento de 10.000 euros, con cargo a fondos propios do concello. Permitiu conectar o centro directamente coa rede municipal de augas, e evitar o uso do antigo depósito. Ademais de mellorar as condicións da auga, cunha subministración mellor e de calidade, esta obra tamén permite un importante aforro enerxético, xa que se elimina o funcionamento dos dous motores que bombeaban a auga ata o devandito depósito.
Outras obras
Outras actuacións que se levaron a cabo este curso no CEIP Conmeniño foron na sala de psicomotricidade, onde se solucionaron os problemas na tarima, ocasionados pola humidade, e se aumentou o número de focos de luz para implementar o uso da sala, xa que é o lugar onde xogan os alumnos máis pequenos do centro en caso de choiva. Tamén se eliminaron os valos rotos e oxidados da parte traseira do recinto, que non tiñan ningunha función e que, ademais, supoñían un perigo para o alumnado do centro.
Durante o verán, ao igual que no resto de centros escolares da localidade, levaranse a cabo obras de mantemento. A Concellería de Educación está pechando nestes días as melloras prioritarias que deben realizarse durante os meses de verán nos diferentes colexios.