O circo chega esta semana á Escola de Verán en inglés do Goncello do Grove
Fecha: 2012-07-17
-Unha clown visitará o campamento para facer talleres de mimo, malabares e tamén un pequeno espectáculo
-En colaboración coa Concellería de Comercio, organízanse o xoves obradoiros de consumo para todos os nenos
A Escola de Verán en Inglés posta en marcha pola Concellería de Educación do Grove centra esta semana as súas actividades no “circus”. Deste xeito, todas as cancións, os contos, as manualidades, as charlas e o vocabulario cos que traballarán ata o venres os nenos e nenas do campamento estarán dedicados a esta temática. Pallasos, clowns, trapecistas, domadores, animais… serán protagonistas da Escola de Verán durante toda a semana.
Hoxe comezou a semana do Circus con saídas á praia e ao monte para os máis maiores, e con xogos, deportes, cancións e manualidades sobre o circo para o resto de participantes. Pero estas actividades son só o principio da semana, xa que os nenos gozarán coa visita dunha clown que lles fará talleres de mimo, malabares e tamén un pequeno espectáculo, e tamén participarán en talleres de consumo. Os monitores narrarán, ademais, contos que axudarán aos nenos a contextualizar o vocabulario e as expresións que van aprendendo, ao mesmo tempo que os nenos teñen a oportunidade de poñerse na pel de personaxes fantásticos e vivir as aventuras en primeira persoa.
En colaboración coa Concellería de Comercio, o Instituto Galego de Consumo visita este xoves as instalacións da Escola de Verán. Os nenos de 3 a 9 anos participarán na actividade “Conto de consumo responsable: como quero que sexa a miña festa?”, a través da que coñecer alternativas de ocio que respondan aos intereses reais individuais e non ás socialmente aceptadas como “gozo” comercial, a través de varias actividades lúdicas. Os nenos maiores de 9 anos participarán no taller “O baseball do ocio e consumo”, cuxo obxectivo é observar diferentes actividades de ocio relacionándose de forma lúdica co resto de grupo e valorando diferentes posibilidades.
A Escola de Verán en Inglés do Concello do Grove desenvólvese de luns a venres nas instalacións do IES Monte da Vila. Conta cun dobre obxectivo: garantir a conciliación dos horarios familiares e laborais, e que os alumnos volvan cada día a casa coa sensación de que viviron unhas experiencias divertidas e diferentes e sen darse conta de que o fixeron mentres aprenden inglés. A Escola de Verán posta en marcha pola concellería de Educación, e coordinada pola academia Kids & Us, conta con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que son os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes.