Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os comerciantes aproban as melloras na iluminación que o Concello fixo nas rúas Luís Casais, Luís Seoane e O Mariño

Fecha: 2012-07-19

O concelleiro Manuel Ochoa, anuncia que se valorará o tipo de luminaria e potencia con  que se dotará a rúa Castelao, que recibiu un suspenso

 

O Concello de Grove acaba de recibir os resultados dunha enquisa encargada á Asociación de Empresarios de Bens e Servizos do Grove –Emgrobes- co obxectivo de coñecer a súa opinión sobre a calidade da iluminación en catro rúas comerciais do centro urbano. A valoración fíxose sobre as rúas Luís Casais, Luís Seoane, O Mariño e Castelao. O resultado foi un aprobado para as dúas primeiras, un sobresaínte para a rúa peonil do Mariño e un suspenso para a rúa Castelao.

Segundo indica o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ochoa, sobre as rúas Luís Casais, Luís Seoane e O Mariño fixéronse no último ano traballos que permitiron mellorar de xeito notable tanto a iluminación como o aforro enerxético e económico. Cun custo moi baixo, aproveitando os orzamentos que o concello destina a mantemento, conseguiuse rebaixar os consumos destas tres rúas en torno ao 70%, e seguir mantendo a calidade na iluminación.

Para a rúa Castelao, Manuel Ochoa anuncia que se vai atender a demanda da asociación empresarial e que se vai a facer un estudo sobre que tipo de lámpada e potencia son precisas para mellorar a calidade da rúa. “Estase pensando nun aforro do consumo do 30% e nunha mellora da capacidade lumínica do 100%”, valora o concelleiro. Pasaríase das nove lúas actuais a entre 20 e 25 lúas. É dicir, o consumo actual de 300 vatios por punto reduciríase a 200 vatios que, en 18 puntos de luz que ten a rúa, tradúcese nun aforro de 1.800 vatios por hora.

Recordan tamén desde o Concello que sobre a rúa Castelao investiu o anterior goberno máis de 100.000 euros para situar a potencia moi por debaixo da media en rúas comerciais e sen reducir o consumo. Actualmente a potencia na rúa Castelao está en 9 puntos, cando o normal é que sexa de entre 20 e 25. “Agora imos facer máis con menos diñeiro. Cun 10% dese orzamento vaise intentar duplicar a eficiencia enerxética e de iluminación da iluminación da rúa Castelao”, matiza.