A lingua de signos chega á Escola de Verán en Inglés do Concello do Grove
Fecha: 2012-07-30
Os nenos participan hoxe luns no programa “Ponlle as pilas ao teu bocata”, en colaboración coa Consellería do Mar
Unha performance clausurou hoxe a fun week Animals
A Escola de Verán en Inglés posta en marcha pola Concellería de Educación do Concello do Grove introduce a lingua de signos entre os seus participantes co obxectivo de que os nenos e nenas teñan un primeiro achegamento a esta lingua. Todos os grupos aprenden vocabulario relacionado coa temática da semana, realizan frases básicas, aprenden o seu nome… Deste xeito, a inmersión en inglés complétase coa inmersión na lingua de signos.
A pasada semana, os nenos e nenas clausuraron a fun week Animals cunha performance na que participaron os seus pais e avós. Todos xuntos gozaron con todo o que os pequenos aprenderon durante a semana. Os nenos interpretaron os bailes e as cancións en inglés, co decorado realizado durante os obradoiros de manualidades.
Esta semana comezará co programa “Ponlle as pilas ao teu bocata”, que está organizado pola Consellería do Mar en colaboración co Concello do Grove e Anfaco-Cecopesca. O fin da actividade é incidir e equilibrar as dietas alimenticias, e valorizar e fomentar os produtos da pesca de Galicia. Os nenos participarán en xogos e elaborarán o seu propio bocata, coas conservas como ingrediente principal.
Mañá martes, día 31, clausurarase o primeiro mes da Escola de Verán en Inglés, cunha festa que, ademais de xogos e karaoke, tamén contará co espectáculo en inglés do pallaso Rudi Dudi.
A Escola de Verán en Inglés do Concello do Grove desenvólvese de luns a venres nas instalacións do IES Monte da Vila. Conta cun dobre obxectivo: garantir a conciliación dos horarios familiares e laborais, e que os alumnos volvan cada día a casa coa sensación de que viviron unhas experiencias divertidas e diferentes e sen se decataren de que o fixeron mentres aprenden inglés. A Escola de Verán posta en marcha pola Concellería de Educación, e coordinada pola academia Kids & Us, conta con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que son os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes.