Xoves Culturais
Fecha: 2012-08-01
A Concellería de Cultura pon en marcha a partir de mañá o ciclo Xoves Culturais, unha programación que pretende contribuír a ampliar a oferta lúdica e cultural do municipio durante este mes de agosto. Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Carlos Otero, optouse pola xornada dos xoves para ampliar as propostas culturais que durante este período do verán desenvolven na vila algunhas empresas privadas. Deste xeito, a concellería centrará os Xoves Culturais nas bandas de música, xa que en setembro porá en marcha a Escola Municipal de Música.
Os Xoves Culturais, que se desenvolverán ás 21.00 horas na praza do Corgo, comezarán esta semana cun concerto da Banda Cultural de Música de Vilanova de Arousa. A semana que vén actuará nese mesmo espazo a Banda de Música de Sanxenxo, que ofrecerá un repertorio diferente do que habitualmente tocan este tipo de formacións, con adaptacións de temas de ABBA, Duke Ellington, Pérez Prado ou Santana. O xoves 23 actuaráa Banda de Música de Caldas de Reis e, finalmente, este ciclo cultural pecharase o xoves 30 de agosto coa actuación da Banda de Música de Castrelo.
En caso de mal tempo, as catro actuacións programadas na praza do Corgo serían trasladas á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Teatro musical
O xoves 16 de agosto, as actiividades dos Xoves Culturais serán na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, onde se representará a única actuación de pago do programa, Con ganas… de reír, un espectáculo de teatro cómico-musical de dúas horas de duración no que se mesturan a copla, a poesía e o humor andaluz e que interpretan o coñecido actor sevillano Máximo Valverde e a cantante e actriz gaditana Eva Santamaría. As entradas para esta actuación, que comezará ás 21.30 horas, terán un prezo de 10 euros.