Clausuran o I Campus de Ximnasia Rítmica Concello do Grove
Fecha: 2012-08-01
Realizouse durante todo o mes de xullo no pavillón do colexio Conmeniño
A Concellería de Educación clausurou onte pola mañá a primeira edición do I Campus de Ximnasia Rítmica Concello do Grove, que se realizou durante o mes xullo no pavillón do colexio Conmeniño coa participación de 25 nenas e nenos. O obxectivo deste campus foi dar unha resposta lúdica e deportiva durante o verán ás alumnas que esta actividade ten durante o curso escolar, e que está organizada polas propias ANPA. O campus estivo impartido por adestradores e técnicos do Club Rítmica Xiada –que logrou cinco ouros no último Campionato Galego de Promoción-, e o obxectivo foi iniciar e perfeccionar sobre os fundamentos técnicos da ximnasia rítmica e dos diferentes elementos que a compoñen.
Entre algunhas das actividades que se incluíron na programación do campus están o traballo coas habilidades motrices; actividades físicas artístico-expresivas; actividade física e saúde; xogos e deportes, e actividades complementarias como aeróbic, expresión musical, talleres de peiteado e maquillaxe, deseño de mallas… Esta mañá clausurouse coa entrega de diplomas entre as participantes.
Este campus e a Escola de Verán en Inglés son as dúas propostas da Concellería de Educación para que os nenos gocen das vacacións de verán e, ao mesmo tempo, para garantir que as súas familias poidan conciliar os horarios laborais co tempo de lecer dos seus fillos. Entre os dous programas dáse resposta a 250 familias.