Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os Xogos Olímpicos chegan á Escola de Verán do Concello do Grove

Fecha: 2012-08-07

  • Os máis pequenos do campamento participan mañá mércores na Festa da Auga
  • A temática desta semana é medieval

 

A Escola de Verán do Concello do Grove achégase esta semana ao medievo, polo que todo o vocabulario en inglés e en linguaxe de signos, as cancións e os obradoiros de manualidades se centrarán nesta temática. Pero ademais, as horas deportivas centraranse nos xogos olímpicos, coincidindo coa celebración das Olimpíadas de Londres. O monitor deportivo da Escola de Verán organizará minixogos olímpicos entre os nenos e nenas. O obxectivo será fomentar o gusto e a práctica en diferentes modalidades deportivas.

 

As probas deportivas dos minixogos olímpicos da Escola de Verán centraranse esta semana no atletismo. Carreiras, saltos de bancos, relevos… E os gañadores de cada categoría subiran ao podio para recibir a súa medalla. A vindeira semana os minixogos dedicaranse a outras probas olímpicas.

 

Ademais, mañá mércores é o “día da praia” para os nenos e nenas de 5 a 12 anos. Mentres, os máis pequenos do campamento cambiarán os xogos no parque pola Festa da Auga, que tamén se celebrará no patio da Escola Infantil do Monte da Vila. As monitoras prepararán xogos, maquillaxes e música para eles. Ademais, ao longo da semana os diferentes grupos visitarán a aula infantil da biblioteca municipal do Grove, e terán a oportunidade de facer os seus carnés de socios e levar libros de préstamo para ler nas súas casas.

 

Finalmente, o venres clausurarase a Fun Week Medievo cunha performance á que os pais ou os avós poden asistir como público. Os nenos encargaranse de poñerlles música e baile ás cancións en inglés aprendidas durante esta semana, mentres que os maiores se ocuparán de interpretar os personaxes de DJ, presentadores, acomodadores, minimonis ou vendedores de billetes.

 

A Escola de Verán en Inglés do Concello do Grove desenvólvese de luns a venres nas instalacións do IES Monte da Vila. Conta cun dobre obxectivo: garantir a conciliación dos horarios familiares e laborais, e que os alumnos volvan cada día a casa coa sensación de que viviron unhas experiencias divertidas e diferentes e sen darse conta de que o fixeron mentres aprenden inglés. A Escola de Verán posta en marcha pola concellería de Educación, e coordinada pola academia Kids & Us, conta con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que son os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes.