Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Banda de Música de Sanxenxo actuará este xoves no Corgo no marco dos Xoves Culturais da Concellería de Cultura

Fecha: 2012-08-08

 

Dentro do ciclo de actuacións que a Concellería de Cultura e Terceira Idade promove para as tardes dos xoves deste mes de agosto, mañá ás 21.00 horas, actuará na praza do Corgo a Banda de Música de Sanxenxo cun repertorio diferente do que habitualmente ofrecen este tipo de agrupacións, centrado na música lixeira, cunha selección de temas de artistas e grupos tan diferentes como ABBA, Quincy Jones, Pérez Prado ou Santana, así como unha selección de temas na onda da película American Graffity.

 

Esta agrupación, dirixida por Rafael Torres e integrada por preto de 45 músicos, naceu tras a posta en funcionamento da Escola Municipal de Música de Sanxenxo e da creación, por parte dos seus docentes, da Sociedade Musical de Sanxenxo.

 

Actuación de mañá, de carácter gratuíto, será a segunda dun ciclo que botou a andar o xoves pasado cun concerto da Banda Cultural de Música de Vilanova de Arousa, que reuniu no Corgo máis de 150 persoas.

 

O ciclo Xoves Culturais continuará o xoves da semana que vén, día 16, coa representación de Con ganas… de reír, un espectáculo de teatro musical de dúas horas de duración no que se mesturan a copla, a poesía e o humor andaluz, interpretado por Máximo Valverde e Eva Santamaría. Neste caso, a actividade trasládase á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, e será a única actuación de pago deste ciclo, programada para as 21.30 horas e cun prezo de entrada de 10 euros.

 

Xa de volta no Corgo, as bandas de música de Caldas de Reis e de Castrelo serán as responsables, os días 23 e 30 de agosto, respectivamente, das dúas actuacións que pecharán este programa da concellería que dirixe Carlos Otero, que ten o obxectivo de ampliar a oferta cultural da vila neste verán e tamén de amosarlle á veciñanza a riqueza instrumental das bandas de música a través dalgunhas das formacións máis representativas do Salnés, aproveitando a futura entrada en funcionamento da Escola Municipal de Música no mes de setembro.