Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove contrata un orientador laboral con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia ata o 31/01/2013

Fecha: 2012-08-14

 

  • Igualmente recórdase que os desempregados do Concello do Grove teñen á súa disposición un Punto de Información para Demandantes de Emprego.

 

O Concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, dentro do programa de difusión da cultura emprendedora e apoio aos desempregados locais, informa que foi contratada unha persoa para realizar as tarefas de Orientación Laboral a través dunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

 

Este servizo, que empezará a funcionar esta semana, estará situado no Edificio de Usos Múltiples situado na rúa Castelao e nel poderase atender os demandantes de emprego incorporados ao Servizo Público de Emprego.

 

A través do programa de derivación de demandantes de emprego ao citado Servizo de Orientación Laboral, todas estas persoas serán atendidas en entrevistas individualizadas programadas polo citado Servizo Público de Emprego, o que facilitará o acceso, evitando o traslado a Cambados. Con estas entrevistas realizaranse itinerarios individuais e personalizados de emprego con información e orientación profesional, para unha mellora na cualificación profesional e da empleabilidade da persoa demandante.

 

Con este servizo, o Concello do Grove aumenta os recursos de atención personalizada dos demandantes de emprego, uníndose á Axencia de Desenvolvemento Local que en todo momento veu realizando a atención ás demandas dos distintos usuarios.

 

A duración do contrato, suxeito á subvención da Xunta de Galicia, será ata o 31 de xaneiro de 2013.

 

Así mesmo, o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, mostrou a súa satisfacción coa concesión da citada subvención xa que nos permite mellorar o servizo que viña prestando o noso ADL nuns momentos de importante desemprego.

 

 

Punto de Información para demandantes de emprego

 

O obxectivo deste Punto de Información é facilitar a comunicación dos demandantes coa Oficina de Emprego adscrita ao citado Servizo.

  

Ata o de agora, basicamente, o que se viña realizando era a renovación da demanda de emprego a través da pegada dixital. Pero agora desde a dirección de http://emprego.xunta.es, que esta dispoñible no citado Punto de Información que dispón o Concello, pódese acceder coa impresión dixital a varias funcionalidades sen necesidade de se dirixir á oficina de emprego fisicamente, coa conseguinte comodidade de evitar ter que se desprazar ata Cambados. Entre as posibilidades que este Punto de Información lles ofrece ás persoas desempregadas destacan:

  • Renovar a demanda de emprego ou reactivar a demanda en determinadas circunstancias.
  • Permite ver o currículo, datas de renovación ou citas de orientación laboral.
  • Consultar datos persoais e modificar algúns.
  • Inscribirse ou consultar ofertas de emprego.
  • Solicitar ou consultar cursos.
  • Solicitar especialidades formativas.
  • Solicitar cita para o Servizo de Orientación Laboral.
  • Solicitar a participación en escolas taller e talleres de emprego.

 

Para máis información, poden dirixirse á Axencia Desenvolvemento Local, no Edificio de Usos Múltiples municipal.