Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Precísanse voluntarios para o paso de La Vuelta a España 2012 polo Grove

Fecha: 2012-08-17

O Concello do Grove precisa unhas 150 persoas voluntarias para colaborar coa organización da carreira ciclista no paso de La Vuelta pola nosa vila o vindeiro día 28 de agosto. Xa que logo, pide a colaboración de todos os clubs, asociacións, agrupacións e veciñanza. Poden participar todas as persoas maiores de 18 anos que o desexen, e os rapaces e rapazas de máis de 14 anos coa correspondente autorización do seu pai/nai/titor/titora.

 

A función destes voluntarios e voluntarias será velar por que ninguén invada o circuíto polo que pasarán os ciclistas (cando llelo indique o persoal de seguridade) ou poñerse nos cruzamentos con camiños secundarios, para que calquera vehículo ou persoa despistada non lle poida xerar un accidente ou trastorno ao pelotón. O tempo que lle terían que dedicar sería de 3 horas (das 15.00 ás 18.00 h).

 

Esta vai ser a primeira vez que esta competición de importancia internacional pase pola nosa vila e seguramente teremos que agardar moitos anos para volver participar desta festa do deporte, polo que tamén estenden o chamamento aos clubs e asociacións deportistas da localidade.

 

Haberá camisetas e diplomas de agradecemento para todas as persoas colaboradoras.

 

As inscricións pódense facer, ata o vindeiro día 21 ás 14.00 horas, polos seguintes medios:

  • Correo electrónico: tecnicodeportes@concellodogrove.com, indicando nome, idade e núm. de teléfono.
  • Na propia Casa do Concello, no mostrador de información, deixando alí os seus datos.
  • A través do club, asociación ou agrupación á que pertencen, que recollerá todos os datos e farallos chegar ao Concello.