O Concello do Grove solicitaralle a concesión dun obradoiro de emprego á Xunta de Galicia para formar desempregados maiores de 25 anos
Fecha: 2012-08-20
- O obradoiro pretende formar persoas desempregadas en áreas de promoción turística e de atención socio-sanitaria.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, dentro do programa de difusión da cultura emprendedora e apoio aos desempregados locais, informa que o Concello do Grove ten intención de lle solicitar á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a concesión dun obradoiro de emprego para formar desempregados maiores de 25 anos nas especialidades de atención socio-sanitaria a persoas no domicilio e promoción turística local e información ao visitante.
A subvención solicitada total ascendería a 264.497,00 €, que incluiría os gastos de dirección, monitores e persoal administrativo, os gastos de funcionamento (non de obra) e os gastos de contratación do alumnado.
A duración do obradoiro de emprego está prevista por 6 meses, sendo o salario dos alumnos seleccionados o salario mínimo interprofesional. O obradoiro iniciaríase no último trimestre de 2012, e moi posiblemente, no caso de concesión durante o mes de decembro.
Requisitos para participar
As persoas interesadas deberán realizar a solicitude de participación na oficina de emprego de Cambados, e deben estar en posesión da formación mínima esixida ou as competencias claves correspondentes ao certificado de profesionalidade superadas, sendo a formación mínima o Graduado en ESO ou equivalente para a especialidade de atención socio-sanitario e o bacharel ou equivalente para a especialidade de promoción turística.
Así mesmo, o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, mostrou a súa confianza en que se conceda a citada subvención xa que “nos permitiría seguir formando persoas en áreas estratéxicas para o desenvolvemento do noso concello”.