Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación pon en marcha unha campaña de prevención do absentismo escolar e para fomentar o retorno educativo

Fecha: 2012-08-29

 

A Concellería de Educación do Concello do Grove pon en marcha sendas campañas de sensibilización e información sobre o abandono escolar e para fomentar o retorno educativo, dirixidas ao alumnado de ensinanza secundaria obrigatoria e para as persoas que teñen sen rematar os estudos obrigatorios. As campañas, que estarán presentes nos centros educativos de secundaria do Grove e en instalacións municipais, deportivas e culturais, teñen como obxectivos previr que a mocidade deixe os estudos e fomentar o retorno educativo para aquelas persoas que queiran seguir formándose, informando de todos os recursos educativos existentes.

 

Baixo o lema “Non quedes fóra”, inténtase concienciar ao alumnado da necesidade de graduación na ensinanza obrigatoria, así como da problemática e das dificultades que se presentan cando non se rematan. Preténdese, ademais, fomentar que continúen cos seus estudos e a súa profesionalización para mellorar a súa inserción laboral no futuro. O lema da campaña fai referencia a quedar fóra das aulas, fóra do sistema e quedar fóra de pertencer a un grupo, algo moi importante para os mozos destas idades.

 

Para fomentar o retorno educativo, a Concellería de Educación puxo en marcha unha campaña paralela baixo o lema “Para ti tamén hai sitio”. O proxecto trata de ofrecer un espazo de información e asesoramento xeral sobre o proceso para o retorno educativo por parte das persoas que, finalizada a súa escolarización obrigatoria, non obtiveron unha formación específica, ben por non ter acadada a formación básica de graduado en secundaria ou porque non continuaron estudos posteriores. Reforzada a campaña con dípticos, achegarase toda a información sobres as posibilidades actuais para poder retomar os estudios básicos obrigatorios.

 

Estas campañas de sensibilización forman parte dun paquete de actuacións postas en marcha pola Concellería de Educación do Grove para evitar o absentismo e o fracaso escolar e promover o retorno educativo. Así, tamén organiza Talleres de Técnicas de Estudo, destinadas para o alumnado e os seus pais; outorga axudas para a obtención do graduado en ESO das persoas maiores de 18 anos; e recuperou os premios para os mellores expedientes académicos.

 

Precisamente, esta semana conclúe un novo grupo de Técnicas de Estudo, organizado para preparar con éxito as probas de setembro. No grupo, ademais dos estudantes tamén participaron os seus pais. Deste xeito, mentres o alumnado recibiu unha maior motivación cara ao estudo, mellorando o seu rendemento escolar e traballando aspectos de prevención ante o fracaso e o absentismo escolar, os pais e as nais coñecen cales son os hábitos e as técnicas que debe mellorar o alumnado nas súas casas durante o tempo de estudo.

 

Díptico