Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os nenos despídense da Escola de Verán do Concello do Grove cunha festa

Fecha: 2012-08-31

 

  • Hoxe participaron nunha xincana no recinto do instituto

A Escola de Verán do Concello do Grove clausúrase mañá venres, cunha festa para todos os participantes. Os nenos e nenas gozarán dunha xornada lúdica, con multitude de xogos e animación ao aire libre, cos que despedir o verán e o campamento. Durante toda a semana a escola de verán contou cunha programación especial, cun repaso por todas as temáticas en inglés vistas durante estes dous meses, e que se complementaron con manualidades, lingua de signos e deportes.

 

A semana comezou cos preparativos do paso da Volta Ciclista a España polo Grove. Os nenos do campamento participaron nun mural que recibiu ao pelotón ao seu paso polo Corgo. O mércores, todos os nenos do campamento gozaron dunha xornada na praia, mentres que esta mañá os maiores participaron nunha xincana nos exteriores do instituto e os grupos de 3 e 4 anos gozaron cunha festa de entroido de verán.

 

A Escola de Verán do Concello do Grove garantiu, durante os meses de xullo e de agosto, a conciliación de máis de 200 familias da localidade e doutros concellos da comarca. Este programa municipal supón unha alternativa lúdica e de ocio, promovida e supervisada polo Concello do Grove, para gozar das vacacións ao mesmo tempo que se ofrece unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias.

 

A Escola de Verán contou con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que foron os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes. Facilitaron que o alumnado se introduza no inglés a través de xogos, cancións e actividades estimulantes para cada grupo de idade, conseguindo que volvan cada día á súa casa coa sensación de que gozaron de experiencias divertidas e diferentes, sen darse conta de que o fan mentres aprenden inglés.