A Concellería de Educación inaugura o novo curso do Programa Madruga no CEIP Valle-Inclán
Fecha: 2012-09-13
Permitirá conciliar os horarios laborais e escolares das familias do centro
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, inaugurou o segundo curso do Programa Madruga no CEIP Valle-Inclán, dando resposta a unha antiga demanda dos pais e nais do centro. As familias dispoñen neste servizo municipal -que se inaugurou en xaneiro- todas as facilidades para garantir os seus horarios laborais cos horarios escolares dos seus fillos. Desde as 7.30 horas, un monitor recolle os pequenos e organiza actividades e xogos cos que entretelos ata o inicio das clases, momento no que os acompaña ata as súas aulas.
Aínda hai prazas dispoñibles, polo que os pais e nais que queiran inscribir os seus fillos poden anotarse no Edificio Administrativo. Xunto coa solicitude, deberán presentar no Rexistro xeral do Concello un resgardo de matrícula escolar, unha copia do libro de familia e dos DNI da nai e do pai; título de familia numerosa, de ser o caso, e fotocopia da cartilla da Seguridade Social do menor.
O prezo do servizo é 30 euros ao mes, agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán, de pertencer a unha familia numerosa ou monoparental. Nestes supostos, aplícase unha redución do 20%. Ademais dos usuarios habituais, o Concello tamén pon á disposición das familias bonos de dez días para que poidan utilizar o servizo en días soltos ao longo de todo o curso, no caso de que apareza unha urxencia ou se cree unha necesidade concreta nun día determinado. Neste caso, o prezo por día de asistencia é 2,5 euros.