A Concellería de Educación amplía a oferta de actividades extraescolares
Fecha: 2012-09-27
Dirixidas a nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria
A Concellería de Educación abre o prazo de inscrición para as actividades extraescolares do curso 2012-2013. Desde o concello amplíase a oferta de actividades, que ademais de “Natación” e “Gozando da biblioteca”, inclúe talleres de Técnicas de Estudo para alumnado de 6º de primaria e da ESO e o obradoiro “Comer san é divertido”. As persoas interesadas en participar pódense inscribir na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ata o 20 de outubro ou ata completar as prazas dispoñibles.
As clases de natación desenvolverase a partir de novembro na piscina de Cambados. Haberá dous grupos, os martes de 17.00 a 17.45 horas e os venres de 16.15 a 17.00 horas. Un autobús gratuíto sairá os martes, ás 16.00 horas, con paradas no Corgo, Terra de Porto, As Cortiñas e Ardia. O ano pasado contou coa participación de 45 nenos.
Por segundo curso consecutivo, e ante o éxito da primeira edición, repítese a actividade “Coñecendo e gozando da biblioteca”. Está dirixida para nenos de infantil e primaria, que gozarán de obradoiros para espertar o seu interese pola lectura, con manualidades, animacións, xogos… Empeza en novembro, os venres na Biblioteca Municipal do Grove, e os grupos estableceranse por idades.
No que respecta ao taller de Técnicas de Estudo, trátase dunha actividade gratuíta dirixida ao alumnado de 6º de primaria e da ESO. Crearanse grupos de máximo catro nenos/as cos seus correspondentes proxenitores. O obxectivo é motivar a alumno cara ao estudo e evitar o absentismo escolar, ao mesmo tempo que se involucra aos pais ou nais para que coñezan cales son os hábitos e as técnicas que debe mellorar o alumnado nas súas casas durante o tempo de estudo. A actividade comezará a medida que se vaian creando os grupos.
Por último, outra das propostas novas deste curso é a actividade “Comer san é divertido!”, que pretende mellorar os hábitos dos nenos e nenas á hora de sentarse á mesa e ensinarlles que a cociña é un traballo para nenas e nenos. Desenvolverase os sábados do mes de febreiro.
Ademais, nos próximos días presentarase ás asociacións de nais e pais do Grove e aos propios centros escolares a Guía de actividades do Concello do Grove, que se desenvolverán en colaboración cos propios colexios e institutos. Esta guía, que xa se elaborou o curso pasado, recolle todas as actividades que se organizan desde as diferentes concellerías. Con ela preténdese achegar os recursos municipais para contribuír ao aumento da calidade do ensino público, dar a coñecer os servizos municipais e seu contorno aos escolares, e fomentar a participación dos escolares na vida municipal.