O Concello do Grove conmemora o Día da Biblioteca con exposicións, agasallos e contacontos
Fecha: 2012-10-22
O Concello do Grove organizará exposicións, contacontos e repartirá agasallos para conmemorar o Día da Biblioteca, que se celebra o vindeiro 24 de outubro. A Rede de Bibliotecas do Grove quere unirse a esta celebración e para iso propón un abanico de actividades que fomenten o gusto pola lectura e continúen sumando usuarios a este servizo municipal.
Esta celebración naceu en 1997 coa fin de difundir a existencia e fomentar a utilización dun servizo público de proximidade á cidadanía que contribúe de maneira eficaz a facilitar o libre acceso á información e ao coñecemento. Desde a Rede de Bibliotecas do Grove súmanse a esta celebración e apostan por unha programación ampla e dirixida para todos os públicos.
Así, desde o luns 21 poderase visitar a exposición bibliográfica sobre a temática “Libros, lecturas e bibliotecas”. Ademais dos títulos da exposición, os usuarios tamén terán a disposicións as principais novidades literarias do mercada, así como unha ampla colección de libros infantís e xuvenís.
O mércores 24, todas as persoas que se fagan socias da Rede de bibliotecas recibirán un agasallo. Así mesmo, tamén serán agasallados todos os usuarios e usuarias que utilicen o servizo de préstamo en calquera das dúas bibliotecas da Rede –O Grove ou San Vicente-.
Finalmente, o venres 26 ofrecerase unha nova sesión de contacontos, dirixida a todos os públicos, na biblioteca municipal do Grove a partir das 17:45 horas. Nesta ocasión, a compañía Pinga Teatro traerá O recuncho dos contos, un espectáculo lúdico e educativo a través de contos, xogos e cancións nos que participarán os nenos e nenas, e que pretende estimular a súa imaxinación e espertar o gusto pola lectura. Os contos tratan de fomentar a amizade e a constancia, a xenerosidade, así como o respecto polo medio ambiente... pero sobre todo o obxectivo final é que a rapazada e todo o público que asista ao espectáculo pase un bo momento.