Marta Caneda Portela e Olga Pérez Barral recollen mañá os Premios á Excelencia Académica do Concello do Grove
Fecha: 2012-11-08
O obxectivo desta iniciativa é fomentar e premiar o rendemento académico do alumnado
O acto contará coa actuación dun ensamble de profesores da Escola de Música Municipal do Grove
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, entrégalles mañá venres, 9 de novembro, os Premios á Excelencia Académica do curso 2011-2012 a Marta Caneda Portela, premiada na categoría da ESO, e a Olga Pérez Barral, na categoría de bacharaleto. Ambas as alumnas obtiveron o mellor expediente académico no pasado curso no municipio, e o Concello do Grove quere premiar o seu éxito e rendemento académico.
O obxectivo desta convocatoria é premiar e recompensar o esforzo do alumnado con mellor expediente académico en cada unha das etapas de educación secundaria, que cursaron estudos nalgún dos dous centros públicos deste concello, IES Monte da Vila e IES As Bizocas, pero tamén quere ser un estímulo para os demais compañeiros. Na ESO, a alumna Marta Caneda Portela contou co mellor expediente, cunha nota media de 9.63, mentres que Olga Pérez Barral, obtivo unha nota media de 9.58.
O premio en cada unha das categorías consistirá na entrega dun diploma acreditativo e de cadanseu cheque-regalo por valor de 200 euros para gastar no comercio local. Deste xeito, ademais de recoñecer e premiar publicamente o éxito escolar das dúas alumnas do concello, tamén se incentiva o comercio local.
O acto desenvolverase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a partir das 20.00 horas. Contará coa actuación dun ensamble de profesores da Escola de Música Municipal do Grove, posta en marcha este mesmo curso. Sobre o escenario tocarán tres pezas que pretenden amosarlle ao público a calidade da ensinanza e os contidos da propia escola.
Esta é a cuarta edición dos Premios á Excelencia Académica do Concello do Grove, e coa súa convocatoria recupérase unha iniciativa posta en marcha en 2004 polo anterior goberno do Partido Popular, sendo concelleiro de Educación Fernando Meis, e que foron convocadas por última vez no curso 2005-2006.
Unha comisión, formada pola concelleira delegada de Educación, Laura Besada, así como polos directores dos centros de secundaria do municipio, realizou a elección das persoas premiadas con base nas cualificacións obtidas polo alumnado.