O Concello do Grove convoca o XIV Concurso de Postais de Nadal para o alumnado de educación infantil e primaria
Fecha: 2012-11-13
O Concello do Grove utilizará a postal gañadora para realizar as felicitacións oficiais do Nadal
O Concello do Grove convoca o alumnado de educación infantil e primaria da localidade a participar na décimo cuarta edición do Concurso de Postais do Nadal. O tema para desenvolver será o Nadal e a técnica é totalmente libre.
A presentación dos traballos terá como data límite o mércores 5 de decembro, nos centros educativos ou na Biblioteca Municipal Manuel Lueiro Rey, en horario de 09.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. Os debuxos deberán estar presentados nun folio DIN A4 e, a ser posible, totalmente debuxados. As obras deberán levar na parte posterior do folio o nome e apelidos do/a participante, así como o curso e o centro educativo onde está matriculado/a.
O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais do Nadal. Todos os debuxos participantes serán expostos na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a partir do mércores 12 de decembro. O ditame do xurado darase a coñecer o sábado 15 de decembro e a entrega de premios será o venres 21 dese mesmo mes, antes dunha sesión de monicreques de Nadal, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.