Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello conmemorará o vindeiro sábado o Día Mundial da Sida

Fecha: 2012-11-29

O Concello do Grove, a través da Concellería de Benestar Social e Sanidade quere sumarse á conmemoración do Día Mundial da Sida, que terá lugar o sábado día 1 de decembro de 2012. Con este motivo, o persoal do SPAD colocará este venres unha mesa informativa no novo edificio administrativo do Concello con documentación sobre o VIH/sida e outras ETS, preservativos, lazos conmemorativos etc., e a Casa do Concello lucirá un gran lazo vermello durante toda a fin de semana.

 

"CHEGAR A CERO, Cero novas infeccións por VIH, Cero discriminacións e Cero mortes relacionadas coa sida" é o lema escollido por ONUSIDA (Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre a VIH/sida) para esta conmemoración.

 

O número de persoas infectadas segue diminuíndo en todo o mundo. A cifra de adultos e nenos/as que contraeron o VIH en 2001 é un 20% menor que en 2011. Neste senso, debemos incidir na necesidade dunha educación sobre o VIH e unha educación sexual axeitada á idade, e centrar os nosos esforzos nos mozos e mozas que teñen entre 10 e 20 anos. Estes deben adquirir coñecementos e competencias que lles permitan levar vidas máis saudables. Para isto, debemos empregar todos os recursos do mellor xeito posible e aproveitar toda a información/formación dispoñible.

 

Por outro lado, no referente a Galicia, podemos destacar que o número acumulado de casos de sida ata o 31 de decembro de 2011, vivos e falecidos, foi de 3.952. A provincia da Coruña é a que presenta maior número de casos (1.667), fronte aos 1.528 de Pontevedra, os 435 de Ourense e os 322 de Lugo. Non obstante, ao calcular as taxas acumuladas de 1984 ata 2011 por millón de habitantes, a provincia con maior taxa é Pontevedra, con 1.668 por millón de habitantes, fronte aos 1.500 da Coruña e os 1256 de Ourense. Lugo é a que, de forma acumulada, presenta a menor incidencia con 869 casos por millón de habitantes durante os 28 anos (Informe VIH-sida en Galicia: casos de sida 1984-2011).