A biblioteca municipal pon en marcha Bibliocasa, para achegarlles os libros ás persoas con mobilidade reducida
Fecha: 2012-12-03
As bibliotecarias achegaranlles os fondos bibliográficos aos usuarios directamente aos seus fogares
O Concello do Grove, a través da Rede de Bibliotecas, pon en marcha o programa Bibliocasa, unha iniciativa nova que nace para achegarlles este servizo municipal e a lectura a todas as persoas que por problemas de mobilidade, ben sexa permanentes ou temporais, teñen dificultades para acceder e gozar de todo o fondo documental da biblioteca municipal. A través deste novo servizo, estes novos usuarios poderán solicitar o préstamo de libros, dvd… nos seus propios domicilios.
Para comezar a utilizar este servizo municipal gratuíto basta con poñerse en contacto coa biblioteca municipal, ben sexa por teléfono, enderezo electrónico ou a través da súa páxina nas redes sociais. Deste xeito, concertarase unha primeira visita informativa, a través da que unha das bibliotecarias se achegará ao fogar da persoa interesada para informala do funcionamento da biblioteca.
Tamén nesta primeira visita se lle fará o carné de socio ou socia e preguntaráselle polos seus intereses e necesidades lectoras. Deste xeito, poderán acceder ao préstamo de todos os materiais que hai dispoñibles na biblioteca: libros, CD, DVD etc., ata un máximo de catro exemplares por un período de quince días. Serán as propias bibliotecarias as encargadas de levar e recoller os documentos que se soliciten a cada domicilio. Ademais, con elas poderán intercambiar opinións, solicitar información e facerlles peticións sobre os materiais do seu interese.
O programa Bibliocasa súmase a outras accións que no último ano se puxeron en marcha desde a Rede de Bibliotecas do Concello do Grove co obxectivo de fomentar a lectura entre toda a cidadanía de municipio e potenciar este servizo municipal. Así, á achega dos fondos documentais directamente aos fogares dos usuarios que teñen problemas de mobilidade súmanse outras accións como a actualización constante dos fondos bibliográficos da biblioteca; a programación continuada de actividades para a xente miúda; visitas organizadas para asociacións municipais a estas instalacións etc.