Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Monicreques, maxia, obradoiros, concursos e moito máis na programación do Concello para este Nadal

Fecha: 2012-12-17

 

 

Co lema "Nadal 2012 no Grove é máis Nadal!", o obxectivo é que nenos e maiores gocen destas festas coa máxima ilusión

 

O Concello do Grove, a través das concellerías de Cultura, Educación, Comercio e Documentación, Novas Tecnoloxías e Patrimonio, presenta unha ambiciosa e completa programación de Nadal destinada para nenos e maiores da localidade. Baixo o lema o Nadal 2012 no Grove é máis Nadal!, a programación elaborada combina sesións de contacontos e maxia para os máis pequenos, con campañas de promoción do comercio local, as cabalgatas de Papa Noel e dos Reis Magos, e talleres de animación á lectura, entre outros.

 

Unha tarde de Nadal chea de contos

Os máis pequenos comezarán a gozar da programación de Nadal o venres, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. A partir das 17:30 horas entregaranse os premios do XIV Concurso de Postais de Nadal, no que participaron preto de douscentos escolares do concello. Premiarase unha postal gañadora, que será a que o Concello do Grove utilice para felicitar de xeito oficial estas festas, e dez accésits. Tras a entrega de premios, será a quenda de “Un Nadal cheo de contos”, a cargo de Tarabelos Monicreques, teatro de sombras e contacontos para pasar unha entretida tarde de Nadal. Tamén se sortearán libros e camisetas entre os asistentes.

 

Concursos

Ademais das Postais de Nadal, outros concursos postos en marcha son o I Concurso de Beléns e o II Concurso de Escaparates de Nadal. O primeiro está destinado para toda a veciñanza do Grove. As inscricións poden realizarse ata o 17 de decembro, enviando unha ou varias fotografías xunto cos seus datos persoais ao correo electrónico comercio@concellodogrove.com e publicando unha fotografía no facebook da Rede Bibliotecas do Grove. O primeiro premio gañará vales por un importe de 100 euros para gastar no comercio local, e o segundo, vales por un importe de 50 euros.

A segunda edición do concurso de escaparates de Nadal está destinado para os comercios locais, que terán que expoñer as súas creacións ata o 6 de xaneiro. A entrega de premios será o vindeiro venres, día 21.

 

Mañás de Nadal na Biblioteca

Durante as vacacións, os escolares poderán disfrutar na Biblioteca municipal das Mañás de Nadal. Estarán destinadas para os nenos e nenas de Infantil e Primaria e é preciso facer previamente unha inscrición na propia instalación cultural.

 

Os Reis Magos en galego e con e-mail

As campañas Os Reis Magos tamén Falan Galego e Os Reis Magos Teñen e-mail, desenvolveranse entre do 20 de decembro ao 5 de xaneiro. Repartirase nos colexios un modelo de carta aos Reis Magos en galego para que as nenas e os nenos mecos poidan pedir os seus agasallos. Tamén poderán facer as súas peticións a través do enderezo electrónico reismagos@concellodogrove.com, para o que se porán á súa disposicións os ordenadores da biblioteca municipal.

Outra das campañas que se porá en marcha é “Comercio local, calidade en galego”, co que incentivar as compras no comercio local ademais de fomentar o uso do galego.

 

Tarde de Maxia na biblioteca

O xoves 27 de decembro, a partir das 17:30 horas, chega á Biblioteca Municipal a tarde de Maxia, co espectáculo “É Maxia” do Mago Cali. O espectáculo do mago Cali móstranos como con calquera palabra pódese crear Maxia. Unha mestura de elementos da vida real cos elementos fantásticos fan un espectáculo divertido, entretido e fascinante. Tamén se fará entrega dos premios aos Mellores Lectores do Ano, nas categorías infantil, xuvenil, adulto e sénior.

 

Visita de Papá do Nadal e dos Reis

E por suposto que nesta programación de Nadal non faltarán as visitas de Papá do Nadal, dos Reis Magos e do paxe real. A Cabalgata de Papá do Nadal será o luns 24 de decembro, ás 19:00 horas con saída da Ponte da Toxa e paso polas rúas Castelao, Praza de Arriba, Beiramar, Luís Casais e Castelao.

 

O Carteiro Real visitará a Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey” o 2 de xaneiro, a partir das 16:00 horas, e estará en San Vicente o 3 de xaneiro, a partir das 17:30 horas. O día 5 será a Gran Cabalgata de Reis, a partir das 18.30 horas. Sairá do CEIP Valle-Inclán, e percorrerá as rúas Tenente Domínguez, Castelao, Rúa da Praza, Pablo Iglesias, Praza do Corgo, Beiramar, Luís Casais e Castelao.

 

Ademais de todo isto, na Casa do Concello xa está exposto o Belén da ANPA do colexio Valle-Inclán, coa que colabora o Concello de Grove, e que se pode visitar ata o 6 de xaneiro en horario de 18:00 a 20:00 horas. Mañá domingo, ás 19.00 horas, a asociación Roza do Pedrol organiza na Casa da Cultura de San Vicente unha xornada de teatro, coa representación de “Maribel e a estraña familia” a cargo de Chumpá Teatro de Cuntis.

Descargar cartel coa programación