Preto de 400 escolares gozaron esta mañá da segunda edición do programa Maxia Potaxia
Fecha: 2012-12-12
Desenvolveuse nos colexios Valle-Inclán, Escola Infantil Monte da Vila e Nosa Señora do Carme
O Concello de Grove, a través das concellerías de Educación e de Participación Cidadá, achegou hoxe a maxia a preto de 400 escolares do municipio. A segunda edición do programa Maxia Potaxia pretende desenvolver a imaxinación e a creatividade do alumnado de infantil e primaria nos propios centros escolares. A través deste programa, o Mago Cali visitou esta mañá os colexios Valle-Inclán, Nuestra Señora del Carmen e Monte da Vila, co obxectivo de que o alumnado destes tres centros gocen dun espectáculo artístico en directo e en grupo como antesala das vacacións de Nadal.
Así, o alumnado de infantil e primaria destes tres colexios tiveron a oportunidade de gozar dun espectáculo de maxia, que mestura xogos, humor, sorpresas e, sobre todo, moita ilusión para os pequenos. O curso pasado gozaron deste espectáculo os colexios Rosalía de Castro, Conmeniño e As Bizocas, polo que con esta edición garántese que todo o alumnado do Grove goce desta actividade.
O Mago Cali foi durante dez anos compoñente do grupo de teatro afeccionado Do Vacío, dedicado á expresión corporal e á pantomima. Mago mimo na compañía de Nacho Otero, tamén estivo quince anos dedicado á maxia na especialidade de cartomaxia. Dende hai sete anos está dedicado enteiramente á maxia, coa creación dos espectáculos Maxia para soñar, Fantasía e Amancio Amigo.
Esta actividade forma parte da guía O Grove Educa, elaborada polo Concello do Grove. O obxectivo desta guía é reunir, nun só documento, toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade.