O Concello do Grove premia as postais de Nadal de once alumnos de educación infantil e primaria
Fecha: 2012-12-18
Os nenos recollerán os seus agasallos este venres, ás 17.30 horas, na biblioteca municipal
Tarabelos Monicreques porán en escena Un Nadal cheo de contos
O Concello do Grove entrega este venres, ás 17.30 horas, os pemios ás mellores postais de Nadal presentadas polo alumnado de educación infantil e primaria da localidade.
En total, once rapaces recollerán o seu agasallo e o diploma que acredita a calidade do seu traballo. O primeiro premio é para Derek Piñeiro Dadín, de quinto de educación infantil da Escola Infantil do Monte da Vila. O premio para o debuxo gañador é un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal de Nadal dixital, que a utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais durante estas festas.
O resto de finalistas recibirán un accésit composto por libros e outro material escolar. Entre estes gañadores atópanse tamén o alumno da Escola Infantil Monte da Vila Pedro Rodríguez Nadal; Paula Domínguez Torres e Pablo Villanueva García, do colexio Rosalía de Castro; Raúl Lamelas Fernández, da escola Nostra Señora do Carme; Julia Medrano Bravo e Suevia Noya Garrido, do colexio Valle-Inclán; Gisela Otero Pérez, Marina Muñiz Barros e Selma Otero Santaya, do colexio As Bizocas; e Lucía Cacabelos Piñeiro, do colexio Conmeniño. Todos os debuxos participantes xa están expostos na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Tras a entrega, a Tarde de Contos na Biblioteca Municipal continuará coa actuación de Tarabelos Monicreques, que porán en escena Un Nadal cheo de contos. Apóstase, deste xeito, polos monicreques, o teatro de sombras e os contacontos para pasar unha entretida tarde de Nadal.
Algo máxico enche o Nadal de contos e máis contos, contos que viaxan nas nubes e no vento e chegan desde países remotos e cidades descoñecidas... Tarabelos utiliza a "narración ilustrada", con monicreques, escenarios e outras técnicas teatrais para ilustrar a narración do contacontos. No espectáculo combínanse dous contos: Canción de Nadal Charles Dickens (ilustrado con monicreques de mesa, pompas de xabón e outros) e O primeiro día do Nadal (ilustrado con disfraces da época e cos propios nenos que fan un belén vivente).