Os nenos gozan coas Mañás de Nadal que se organizan na biblioteca municipal do Grove
Fecha: 2013-01-02
O O paxe real dos Reis Magos visita hoxe e mañá aos nenos do municipio
O Concello do Grove programa para as vacacións de Nadal unha ampla e atractiva programación de actividades para os nenos de 4 a 10 anos, co obxectivo de que gocen das festas con talleres que esperten a súa creatividade e fomenten o seu gusto pola lectura. Así, durante as mañás de Nadal na Biblioteca Municipal do Grove organízanse talleres para nenos de infantil e primaria co obxectivo de ofrecer tempo de lecer para os máis pequenos, ao mesmo tempo que se somerxen no mundo da lectura e da imaxinación. Preto de 50 rapaces gozan destas actividades, que xa comezaron a semana pasada e que proseguen hoxe e o venres.
Paxe real
Por outra banda, o paxe real dos Reis Magos estará hoxe e mañá no Grove. Así, esta tarde, a partir das 16.00 horas, recibirá aos nenos na Biblioteca Municipal do Grove, mentres que mañá, a partir das 17.30 horas, estará na Casa da Cultura de San Vicente.
Ademais, todos os nenos teñen a opción de facer chegar as súas peticións a Melchor, Gaspar e Baltasar a través do enderezo electrónico reismagos@concellodogrove.com, para o que se porán á súa disposición os ordenadores da biblioteca municipal.