O Concello do Grove xa é membro da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
Fecha: 2013-01-07
O Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), asociación voluntaria que procura congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local, vén de notificarlle ao concello meco a ratificación da súa incorporación definitiva a esta rede, vinculada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A dinamización lingüística é o proceso de promoción da lingua que se leva a cabo mediante o emprego integrado de todas as actividades que faciliten este fin (formación, asesoramento, elaboración do corpus, sensibilización lingüística e extensión do uso), co obxectivo de incrementar a presenza social e mais o prestixio da lingua galega en toda a sociedade local.
Desde o pasado 28/03/2012, a Xunta Directiva da RDL xa aceptara a incorporación provisional do Concello do Grove na Rede, mais agora resolveu ratificar a incorporación do Concello como membro de pleno dereito.
Para o Concello non supón gasto ningún a súa adhesión á Rede e posibilítalle ser unha das entidades locais incluídas no seu calendario de actividades e programas de tipo cultural, educativo, formativo ou lúdico destinadas a promover el uso do galego, como os Monólogos de Serán, que tivo lugar o 08/09/2012.na rúa da Pratería ou Titerehop, obradoiro dirixido a adolescentes de 13 a 17 anos centrado na cultura hip-hop, incluído na pasada programación do Nadal do Concello e desenvolvido o pasado 20/12/2012 no IES As Bizocas.
As actividades proporcionadas pola RDL son xestionadas polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal, dependente da Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, que dirixe Alexandre Aguín, e complementan as desenvolvidas polo propio servizo lingüístico local ao longo do ano, como cursos de galego para adultos e colectivos específicos ou campañas de dinamización lingüística para a xente miúda, como por exemplo “Aos Reis Magos en galego, e tamén por e-mail”, que se desenvolveu hai uns días en colaboración coa Rede de Bibliotecas do Grove (dependente da mesma concellería) ou “Comercio local, calidade en galego”, dirixida a dinamizar o sector do comercio local e feita co apoio da Concellería de Comercio, dirixida por Marta Domínguez.