Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O alumnado retoma as actividades extraescolares organizadas pola Concellería de Educación

Fecha: 2013-01-08

 

Están incluídas na guía O Grove Educa, para este curso escolar.

O Programa Madruga do CEIP Valle-Inclán garante a conciliación dos horarios familiares e escolares.

 

O alumnado dos colexios do Grove retoman desde hoxe as actividades extraescolares organizadas pola Concellería de Educación. Tras as vacacións de Nadal, nas que puideron gozar dunha ampla programación elaborada polo concello, reinícianse as clases de natación e as actividades na biblioteca. Preto de 80 nenos de infantil e de primaria gozan destas actividades. Ademais, esta mañá tamén se retomou o Programa Madruga do colexio Valle-Inclán, a través do que se garante a conciliación de doce familias do centro.

 

Hoxe martes é a quenda dun dos dous grupos das clases de natación na piscina de Cambados. Un total de 50 rapaces aproveitan estas clases, divididos en dous grupos, os martes e os venres. Un autobús sae cada un destes días do Grove, co obxectivo de que nenos e nenas, ademais de aprender a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social.

 

O próximo venres é a quenda da actividade Coñecendo e Gozando da Biblioteca. Esta actividade desenvólvese ás 17.30 e ás 18.30 horas, na biblioteca municipal do Grove. Trátase dunha proposta nova que puxeron en marcha o curso pasado as concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, e que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas; e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. Os nenos e as nenas atopan cada venres actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e manualidades de acordo coas súas idades.

 

Estas actividades extraescolares están incluídas na guía O Grove Educa, que elaborou o Concello do Grove para os centros escolares e as ANPA, co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros.

 

Programa Madruga

Tamén nesta guía se inclúe o Programa Madruga do CEIP Valle-Inclán, posto en marcha pola Concellería de Educación o curso pasado, e que garante a conciliación de doce familias do centro. Estas familias dispoñen con este servizo municipal -que se inaugurou en xaneiro- todas as facilidades para garantir os seus horarios laborais cos horarios escolares dos seus fillos e fillas. Desde as 7.30 horas, un monitor recolle os pequenos e organiza actividades e xogos cos que entretelos ata o inicio das clases, momento no que os acompaña ata as súas aulas.