O Concello do Grove convoca o II Concurso de Relato Curto para bacharelato e segundo ciclo da ESO
Fecha: 2013-01-10
O obxectivo é fomentar entre os estudantes da localidade a escritura creativa e o gusto pola lectura.
Os relatos gañadores publicaranse na revista local Sustansia do mes de abril.
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, convoca a segunda edición do concurso de relato curto destinado ao alumnado de bacharelato e de segundo ciclo da ESO que estea matriculado nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é motivar o estudantado dos últimos cursos na escritura creativa e no gusto pola lectura. Os premios en cada unha das dúas categorías serán a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; 100 € cheques-regalo para gastar no comercio local e un lote de libros.
As alumnas e os alumnos interesados poderán participar cun microrrelato orixinal, inédito e da súa autoría, que non fose premiado en ningún outro concurso. O tema será libre e a extensión de entre 400 e 600 palabras, escritas en ordenador con letra arial de 11 puntos e con dobre espazo. O relato entregarase, sen asinar, impreso por triplicado e en arquivo electrónico (CD), en formato Word ou Writer nun sobre. Así mesmo, anexarase unha plica en cuxo exterior constará unicamente o título e o lema e no seu interior o lema e o título, xunto co nome, apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico do autor ou autora, así como o nome do centro educativo.
Os traballos entregaranse no propio centro escolar e o persoal municipal designado pasará a recollelos o 28 de febreiro de 2012 ás 13.30 horas. O ditame do xurado farase público a primeira semana de marzo e a entrega de premios terá lugar o día 2 de abril de 2013, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro Infantil.
Desde o Concello do Grove, a responsable de Educación, Laura Besada, anima a todas as rapazas e rapaces a participaren no concurso, xa que considera que este certame é unha oportunidade interesante para amosar a súa creatividade e a súa escrita. Neste sentido, desde o Concello do Grove agradecen a colaboración da revista Sustansia, onde se publicarán os relatos gañadores. É unha satisfacción para as e os estudantes veren publicados os seus relatos nunha revista que coñecen, que len e que ten unha importante difusión no noso municipio. Asemade, este concurso tamén é unha oportunidade para seguir potenciando e dinamizando o comercio local, xa que ademais da publicación do relato, o premio en cada unha das categorías serán, como dixemos, vales de 100 € para gastar en establecementos comerciais da localidade.
Na primeira edición do concurso, que tivo lugar o pasado ano, a gañadora foi Beatriz Escribano de la Torre, co relato Primeiro día de traballo. Ademais da premiada, o xurado tamén destacou os relatos das alumnas Carme Domínguez Prol, Relato dun recordo, e de Marta Díaz Álvarez, que presentou ao concurso O galo iniciou o canto.
Consulte o texto íntegro das bases premendo aquí >