Escola de Teatro
Fecha: 2013-01-22
A Concellería de Xuventude do Concello do Grove e a Asociación Cultural Roza do Pedrol poñen en marcha unha escola de teatro.
Vai consistir nun obradoiro de expresividade onde un grupo de persoas se reúnen para, a través da axuda dun monitor ou dunha monitora e empregando técnicas achegadas polas artes escénicas (teatro, danza, movemento expresivo, técnica vogal...) van potenciar a súa expresividade e mellorar a súa capacidade de expresión e comunicación.
Outro punto que se vai tocar vai ser a interpretación ante a cámara. Estudarase como comportarse e como interpretar monólogos, programas de novas etc. ante unha cámara.
Unha vez a teoría estea vista, a intención é a de representar ante o público as obras que se preparen, ben sexa ao remate do curso ou no momento en que estean preparados.
A monitora é licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, actriz en activo e vai contar, ademais, con outros profesionais segundo a temática para tratar.
O curso levarase a cabo na Casa da cultura de San Vicente, os venres en horario de 20.00 a 22.00 horas.
Terá o seu inicio o 1 de febreiro e rematará no mes de decembro, facendo unha parada nos meses de verán. É totalmente de balde.
Poden participar nesta actividade as persoas maiores de 16 anos que queiran aumentar as súas posibilidades expresivas. Para participar é necesario que se poñan en contacto coa Oficina de Información Xuvenil (Casa azul), no teléfono 986 730 609 ou a través do correo electrónico omix@concellodogrove.com. Tamén poden contactar coa presidenta de Roza do Pedrol (Estrella) a través do teléfono 657 414 277.