Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación abre as inscricións para participar no taller 'Comer san é divertido'

Fecha: 2013-01-23

 

Trátase dunha nova proposta para mellorar, de forma lúdica e divertida, os hábitos dos nenos á hora de se sentaren á mesa.

 

Está incluída na guía O Grove Educa.

 

A Concellería de Educación do Grove pon en marcha a actividade extraescolar “Comer san é divertido – merendas sas”, dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos. As persoas interesadas xa se poden inscribir na biblioteca municipal ata o 30 de xaneiro ou ata completar as prazas dispoñibles.

 

A actividade desenvolverase todos os sábados do mes de febreiro na casa da cultura do Grove, en horario de 12.00 a 13.30 horas. O prezo da actividade, que está subvencionada pola Concellería de Educación, é 20 euros, e inclúe todos os materiais e alimentos que se utilicen durante o taller.

 

“Comer san é divertido–Merendas sas”, é unha proposta nova que pretende mellorar os hábitos da rapazada á hora de se sentaren á mesa e, de paso, ensinarlles, de forma lúdica e divertida, que a cociña é un traballo tamén para nenas e nenos. Ademais de aprenderlles pequenas receitas entretidas, explicaráselles de onde proceden certos alimentos, como se obteñen e, sobre todo, buscarase que sexan receptivos á hora de probaren as comidas e que entendan a importancia de teren unha dieta equilibrada.

 

Algunhas das receitas incluídas na actividade son espetadas de froitas con choco-iogur, mel e cereais; batidos; sándwichs de formas; iogur con froita, cereais...; aperitivos de vexetais; piruletas salgadas... Cada semana entregaráselles a receita que elaboren para que a leven á casa, sacaránselles fotos para que os pais e as nais poidan ver como os pequenos e as pequenas se converten en minichefs e traballan duro as súas receitas.

 

Ademais desta actividade extraescolar, desde o Concello do Grove tamén ofertan clases de natación na piscina de Cambados, talleres de técnicas de estudo a actividade “Coñecendo e gozando da biblioteca”. Todas elas están incluídas na guía O Grove Educa que elaborou o Concello do Grove para este curso escolar, co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. En colaboración cos centros xa se organizaron algunhas actividades, como a xornada Maxia Potaxia, talleres de igualdade, de primeiros auxilios e clases de educación viaria.

 

Concurso de relatos curtos

Por outra banda, desde a Concellería de Educación recordan que continúa aberto o prazo para participar no II Concurso de Relatos Curtos, destinado ao alumnado de segundo ciclo da ESO e de bacharelato que estea matriculado nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é motivar o estudantado dos últimos cursos cara á escritura creativa e ao gusto pola lectura. Os premios en cada unha das dúas categorías será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; 100 euros en cheques-regalo para gastar no comercio local e un lote de libros.

 

Os traballos deberanse entregar no propio centro escolar ata o 28 de febreiro. O ditame do xurado farase público a primeira semana de marzo e a entrega de premios terá lugar o día 2 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro Infantil.