Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove e Por Dereito asinaron un convenio para mellorar a comunicación e a integración de persoas con autismo

Fecha: 2013-01-28

 

Estanse colocando pictogramas nos colexios de primaria e infantil así como nas dúas Casas de Cultura

 

 

O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a portavoz da Asociación Por Dereito, Cuca Dasilva, asinaron a mañá do venres un convenio de colaboración co que se pretende mellorar a comunicación e a integración de persoas con autismo na localidade. Este convenio de colaboración permitirá instalar pictogramas en varias dependencias municipais e colexios de primaria e infantil, así como organizar actividades lúdicas e formativas destinadas para toda a cidadanía.

 

Os pictogramas son debuxos que facilitan información a persoas que sofren autismo u outro tipo de dificultade de comprensión. Estes pictogramas permitenlle ao usuario coñecer en qué lugar se atopa e que servizo pode encontrar tras cada porta: unha aula, un despacho, o comedor, a aula de estudo, a biblioteca… Xa se están colocando nas casas da cultura do Grove e de San Vicente, nos colexios de educación infantil e de primaria e na escola infantil A Galiña Azul de Rons. Posteriormente, iranse ampliando ao resto de edificios municipais, e incluso promoverase o seu uso entre empresas, asociacións…

 

Este é un primeiro paso na colaboración que o Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, quere manter coa asociación Por Dereito. Para romper as barreiras comunicativas, organizaranse a longo do ano cursos de formación, para comprender que é o autismo e como comunicarse coas persoas con autismo, pero tamén se incorporará á programación lúdica e cultural municipal contacontos con pictogramas, para que todos os nenos, sen excepción, poidan gozar da maxia dos contos. Neste sentido, cabe recordar que na biblioteca municipal xa existen libros en préstamo con pictogramas.