O Concello do Grove mostra ante Educación o seu interese por aumentar a formación profesional no municipio
Fecha: 2013-02-01
O alcalde e a concelleira Laura Besada reuníronse esta semana coa subdirectora xeral de formación profesional
O alcalde do Concello do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira delegada de Educación, Laura Besada, viaxaron esta semana ata Santiago de Compostela para reunirse coa subdirectora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, María Eugenia Pérez, e trasladarlle o seu interese por aumentar a oferta educativa de formación profesional no municipio.
Deste xeito, explicáronlle que actualmente O Grove só conta cun ciclo medio de formación profesional –Equipos Electrónicos de Consumo-, polo que consideran que sería interesante ofrecerlle ao estudantado local alternativas de formación sen necesidade de desprazarse a outros concellos. Neste sentido, presentáronlle un informe realizado por técnicos municipais, con opinión dos propios centros e da asociación de empresarios local, sobre cales serían as ramas idóneas para implantar a formación profesional no Grove, tendo en conta a demanda de profesionais e a oferta laboral existente. Entre as recomendacións realizadas, segundo os datos que manexan os departamentos municipais de formación e emprego, estímase que sería interesante implantar ciclos sobre industrias alimentarias ou hostalería e turismo, en primeiro termo; aínda que tamén se fai referencia a formación en actividades físicas e deportivas, fabricación mecánica ou informática e telecomunicacións.
Durante o transcurso do encontro, alcalde e concelleira mostraron especial interese pola formación profesional dual, que se está implantando de maneira experimental en Santiago de Compostela, e que lle permite ao alumnado recibir formación simultánea nunha empresa e no centro educativo. Trátase, xa que logo, de combinar a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa, onde os alumnos e as alumnas recibirán, ademais, formación complementaria establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade.
Así pois, os responsables municipais comprometéronse a iniciar contactos coas empresas locais destes dous sectores para coñecer o seu interese en participar neste proxecto educativo coa finalidade de poder presentarlle deste xeito unha proposta firme á Consellería de Educación.